FútbolGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Emotivos reencontros na I Xuntanza do Club Deportivo Rubiá que reunía a unhas 110 persoas

 

Un pouco de xogo para entonar o corpo, agasallos, sorpresas, un bo xantar e grandes doces de emotividade. Son os ingredientes cos que se desenvolvía a I Xuntanza do Club Deportivo Rubiá, na xornada deste sábado 4 de maio no pavillón municipal.

Seguindo a estela de equipos como o CD Trives ou o CD Barco, un grupo de antigos xogadores e ex directivos do club celeste desaparecido hai máis de quince anos decidía neste 2024 facer un encontro de persoas vinculadas a este club deportivo, de lembranza e confraternidade, para revivir a historia e memoria deste equipo.

 

Asistentes á xuntanza./ Foto cedida.

 

Aínda que xa dende 30 anos atrás Rubiá contaba con varios equipos de afeccionados o club como tal comenzaba a súa andaina na liga provincial no ano 1979, contra o Covadonga, chegando a contar con máis de 400 socios ata que desaparecía na tempada 1990-1991. Unha década despois na tempada 2000-2001, un grupo de rapaces de Rubiá decidía retomar de novo o equipo coa colaboración do Concello, facendo rexurdir a enorme afección que se movía neste pobo, ata que volvía desaparecer xa na tempada 2007/2008.

 

Andrés Fernández Arias, primeiro adestrador do CD Rubiá.

 

Foron moitos os xogadores e directivos que pasaron polo club nestas dúas décadas de xogo interrompido e uns 110 reuníanse hoxe, algúns da primeira etapa, entre eles Andrés Fernández Arias o primeiro adestrador e moitos xa da segunda. O programa comezaba cedo, en torno ás 9:30 horas cunha serie de partidos de fútbol sala no que os máis ousados mediron forzas. De seguido entregaban os premios aos gañadores e as camisetas conmemorativas aos asistentes que pasaban a degusta un xantar servido por Mantesil a base de ibéricos ou empanada, costrela asada de tenreira ou porco con patacas, sobremesa, café e chupitos.

 

Camiseta conmemorativa da xuntanza./ Foto cedida.

 

No momento do café os promotores entregaban sendas placas a dúas persoas: Andrés e Perullo. O primeiro, presente no xantar daba as grazas asegurando que no tempo que estivo no club fixeron o que puderon e da mellor forma posible; o segundo falecía hai xa uns anos polo que recollía a placa no seu nome un emocionado Manolo “Rabia”.

 

 

A xuntanza incluía unha mostra duhas 70 fotografías e de camisetas, así como unha sesión de música, agardando xa pola segunda xuntanza na que esperan contar con máis xente. “Houbo moita á que non pudemos avisar”, recoñece Sergio, agardando que todos os presentes desfrutaran da iniciativa.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver excepto a de grupo que é cedida.

Máis información e fotos:

Partidos de fútbol sala como previa ao xantar da I Xuntanza do CD Rubiá

 

Artigos relacionados

Back to top button