CulturaCulturaÚltima hora

Empatía Teatro presenta “Esas cousas marabillosas”, no Barco

Será o venres 10 de novembro ás 21h. no Teatro Lauro Olmo da vila

 

A obra “Esas cousas marabillosas”, unha montaxe de Empatía Teatro que comeza cando o público vai entrando na sala e é recibido por un actor, presentarase este venres 10 de novembro no Barco. Será a partir das 21h. sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo.

A mecánica da peza é a seguinte. Un acto dalle á benvida ás persoas que van entrando na sala e axúdaas a se acomodar, ademais de entregarlles un papeliño que ten moito que ver co espectáculo. Cando empeza a función, o público xa leva un cacho dentro del sen sabelo e algúns teñen “unha cousa marabillosa” na man.

“Trátase dunha peza participativa, tenra, emocionante e divertida, dunha comedia que fala sobre a saude mental, a depresión e o suicidio”, segundo a compañía. “Esas cousas marabillosas” conta unha historia de case tres décadas cunha primeira tentativa de suicidio dunha nai, que fai que o fillo (o protagonista), de sete anos daquela, comece a facer unha lista de todo o que é marabilloso no mundo. Todo polo que vale a pena vivir: 1. Os xeados. 2. As guerras de auga. 3. O primeiro baño do verán. 4. A cor azul. 5. As roupa a cadros. 6. Unha montaña rusa.

“Esas cousas marabillosas” esgotou as entradas durante tres anos consecutivos no Festival de Edimburgo e logo foi representado en Londres, Bruxelas, Oregon…. Foi tamén un éxito rotundo en Madrid e Barcelona. Interpretada por actores e actrices como Brais Efe, Inma Cuevas, Leticia Dolera e Pau Roca, estreouse en Galicia e en galego o 11 de marzo de 2022 no auditorio de Narón, e dende entón ten estado en moitas vilas galegas, sempre enchendo as salas. Esta peza de Duncan MacMillan (con tradución e dirección de Avelino González) está interpretada por Elisardo de la Cruz.

Artigos relacionados

Back to top button