En portadaÚltima hora

En marcha a campaña “Máis Barco”, que pretende mobilizar 250.000 euros no comercio e hostalaría

Esta promovida polo Concello e pola Asociación Empresarial de Valdeorras e prevé distribuír unhas 5.000 tarxetas bonificadas cada unha delas cun valor de 50 euros

 

A partir do 29 de decembro porase en marcha a campaña “Máis Barco”, promovida de forma conxunta polo Concello e pola Asociación Empresarial de Valderras (AEVA), co fin de dinamizar o sector comercial e hostaleiro do municipio. “É algo totalmente novidoso. Custounos bastante preparalo, polo sistema escollido, que pensamos que é o máis fácil e o máis cómodo tanto para os establecementos como para o usuario, pero finalmente resolvimos todos os problemas e a partir de mañá xa poderán adherirse cubrindo unha solicitude a través de internet”, sinalaba o alcalde do Barco, Alfredo García, no acto de presentación da iniciativa xunto ao concelleiro de Comercio e Turismo, Eladio Santos, e á presidenta de AEVA, Araceli Fernández. Neste mesmo acto tamén se procedía a sinatura do convenio de colaboración entre ambas entidades para desenvolver o proxecto.

“O obxectivo é dinamizar o comercio, a hostalaría a restauración do Barco nos tempos do Covid e pensamos que o mellor xeito de facelo é xerar unhas dinámicas de consumo dentro dos establecementos locais, contando coa participación de AEVA”, comentaba Eladio Santos.

 

 

Ademais explicaba en que consiste e como funcionará “Máis Barco”. A campaña apóiase nunha tarxeta “monedeiro, cun valor total de 50€, pola que o usuario pagará 30€, mentres que o Concello do Barco achega outros 20€. Isto supón un aforro do 40% para os usuarios da tarxeta. Destinarase a gastar exclusivamente nos establecementos da campaña. Cantos máis establecementos se adhiran, máis interesante será a campaña para o cliente. O custe da campaña para o establecemento é cero e a liquidez do cobro será tan inmediata como con calquera outra tarxeta. Deste xeito, os establecementos adheridos poderán ingresar, directamente, case 250.000 euros por medio desta iniciativa”, indicaba Santos.

As fases da campaña

A participación está aberta a todos os establecementos barquenses, o único requisito é que teñan unha TPV para poder realizar a lectura das tarxetas e que se dean de alta na web da campaña (tanto na páxina de Máis Barco como na de AEVA) nun prazo que se iniciará mañá e que durará uns 10 días. Despois virá unha segunda fase na que os veciños poderán solicitar as tarxetas, tamén a través de internet nun prazo duns 15-20 días. As únicas condicións son ser maior de idade e cubrir o formulario.

O seguinte paso será a distribución das case 5.000 tarxetas previstas. Unha vez se comecen a recibir, prevese que unha semana despois empezarán a entregarse as primeiras. “Elaboraremos un sistema de citación para establecer unha certa periodicidade e orde, gardando o protocolo anticovid”, adianta o concelleiro de Comercio.

Unha vez se entreguen, darase paso a un período de dous meses, ata o 31 de marzo, no que se poderán usar. “Queremos animar á xente a que participe, pensamos que con esta iniciativa estarán circulando uns 250.000 euros polos establecementos do Barco”.

Na mesma liña incidía o alcalde barquense, indicando que o Concello investirá 115.000 euros (15.000 deles para gastos de trámites e posta en marcha do proceso) neste proxecto. “O importante é que esa suma se gaste no comercio e na hostalaría local. Penso que a xente vai responder, vai coincidir cun período de rebaixas, no que, a través da campaña, pode accederse a un 40% a maiores, digamos de desconto, que pon o Concello coa tarxeta”.

 

 

 

Aforro nas compras e aposta polo comercio de proximidade

“Atopámonos ás portas de pechar un ano 2020 complicado, que, sen dúbida, foi moi duro para o colectivo empresarial no seu conxunto e especificamente para o sector comercio e hostaleiro. Por iso e máis que nunca, AEVA quixo estar á beira do sector, e para a posta en marcha da campaña que hoxe presentamos contamos co patrocinio do Concello do Barco, ao que queremos agradecer publicamente a súa implicación durante toda a crise sanitaria”, dicía a presidenta de AEVA, Araceli Fernández.

Ademais a responsable desta organización amosaba o seu convencemento de que esta campaña “será un revulsivo económico para o sector empresarial e un incentivo para os consumidores, que poderán conseguir un importante aforro nas súas compras e que terán a oportunidade de aproveitar as vantaxes do comercio de proximidade. Contribuiremos tamén ao sostemento do comercio e a hostalería, sectores que animan e dan vida á vila, xeran tráfico peonil, contribúen á seguridade das nosas rúas, manténdoas iluminadas noite e día, e evitan a degradación dos barrios”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Enlace para adherirse á campaña: https://empresariosdevaldeorras.com/aeva/campana-mas-barco-soy-establecimiento/
Páxina web da campaña para a adhesión: https://www.concellodobarco.gal/es/mais-barco

Artigos relacionados

Back to top button