PolíticaÚltima hora

En Marea pide no Parlamento un estudo para detectar os topónimos deturpados na sinalética viaria de Galicia

Este grupo vén de presentar unha proposición non de lei para o seu debate no pleno e unha pregunta sobre este tema, ambas asinadas por seis deputados da formación, entre eles Davide Rodríguez de Manzaneda
Davide Rodríguez e Luís Villares, deputados de En Marea no Parlamento galego./ Foto: Carlos G. Hervella.

A toponimia constitúe unha riqueza e un patrimonio inmaterial do noso pobo, un piar fundamental da nosa identidade colectiva. Así comeza o texto da proposición non de lei que o grupo parlamentario de En Marea vén de presentar na Cámara galega para o seu debate en pleno. Nela piden, entre outras cuestións, “a modificación de todos os topónimos deturpados nas sinalizacións que son de responsabilidade da Xunta de Galicia”.

Esta iniciativa está asinada por seis deputados, entre os que está o ourensán Davide Rodríguez Estévez de Manzaneda, xunto a Paula Quinteiro Araujo, Paula Vázquez Verao, Ánxeles Cuña Bóveda, Luca Chao Pérez e Luís Villares Naveira e Davide Rodríguez Estévez.

Ne exposición de motivos da iniciativa sinalan que na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, “recóllese, no seu artigo 10, que os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega, que corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia, e que estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas. Ademais, a Xunta de Galicia regulamentará a normalización da rotulación pública respectando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado. A pesar do recollido nesta normativa é habitual que moitos topónimos sexan deturpados”.

No referente á provincia de Ourense, os deputados indican que “as formas oficiais veñen recollidas no Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Ourense. Recentemente recibíamos unha denuncia dunha sinalización errada na estrada de titulación autonómica Ou-536 (Ourense- A Pobra de Trives). É responsabilidade da Xunta de Galicia realizar as correccións necesarias e deben levarse a cabo de maneira urxente”.

E por iso que nesta proposición piden que o Parlamento galego inste á Xunta de Galicia á xa mencionada modificación dos topónimos deturpados nas sinalizacións que son da súa responsabilidade, así como a “realizar un estudo para detectar as deturpacións da toponimia na sinaléctica viaria de Galicia”. Tamén plantexan que o Parlamento galego inste “ao Ministerio de Fomento a corrixir os topónimos deturpados en vías da súa competencia”.

Ao mesmo tempo, os deputados de En Marea presentaban varias cuestións para a súa resposta oral na Comisión 4ª do Parlamento. En concreto preguntan sobre se a Xunta de Galicia tiña coñecemento desta sinalización errónea, se se van modificar os topónimos depurtados nas vías da súa responsabilidade, se ten constancia doutro tipo de sinalización erróneas e se vai realización algunha actuación para corrixir os topónimos nas vías de responsabilidade de Fomento.

Artigos relacionados

Back to top button