PolíticaÚltima hora

En Marea recolle 2.157 sinaturas no Macizo Central para evitar o peche do Rexistro da Propiedade de Trives

O concelleiro de Son de Trives Jorge Vázquez, e os deputados Davide Rodríguez, Ánxeles Cuña e Luis Villares (En Marea) presentaron as sinaturas hoxe na Subdelegación do Goberno de Ourense

O concelleiro de Son de Trives (En Marea), Jorge Vázquez, e os deputados de En Marea por Ourense, Ánxeles Cuña e Davide Rodríguez; acompañados polo voceiro do seu partido no Parlamento, Luis Villares, presentaron hoxe, 14 de xuño, un total de 2.157 sinaturas no Rexistro da Subdelegación do Goberno en Ourense para que non se peche os Rexistros da Propiedade da Pobra de Trives, que dá servizo aos concellos de A Pobra de Trives, Montederramo, Chandrexa de Queixa, Castro Caldelas, A Teixeira, Manzaneda, San Xoán de Río e Larouco.

Segundo explicou o concelleiro a Pobra de Trives, Jorge Vázquez, estas firmas representan “o 60% da poboación do Macizo Central” por iso non dubidou en cualificalo de “éxito”. O edil salientou que recibiron apoio tanto do comercio de Trives “que axudaron a recoller a sinaturas” e dos diferentes grupos políticos dos concellos do Macizo Central “exceptuando o de Trives”, apuntou. Vázquez salientou que este acto de recollida de sinaturas é “por algo que consideramos que é un dereito de todos os cidadáns, unha medida que entra dentro dos recortes que nos están a meter día a día e que non estamos dispostos a tolerar”.

No mesmo ton falou Davide Rodríguez, o deputado de Manzaneda reprochoulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que fale desta lexislatura como a “lexislatura do rural” cando “semana tras semana vemos como hai recortes no que vemos que é un servizo esencial”. Rodríguez avogou polos dereitos dos didadáns do rural cando dixo o seguinte: “calquera habitante do pobo galego ten que ter os mesmos dereitos, tanto viva nunha aldea coma na cidade”.

Tamén Luis Villares, voceiro de En Marea, avogou por eses dereitos nas súas verbas: “En Marea non se resigna ao esmorecemento do rural e por iso buscamos alternativas ante a perda de servizos públicos”. Villares foi tallante ao mostrares o seu desacordo ante o Real Decreto “que aprobou o Partido Popular do Goberno de España”, aclarou, no que se suprimen 1o demarcacións do Rexistro da Propiedade, unha cousa, “que pensamos que é algo básico para á cidadanía e indispensable para transaccións inmobiliarias”. O voceiro asegurou que, de pecharse o Rexistro, “perderíase a calidade de vida no rural, que xa está bastante castigado de por si, como para que agora lle anden recortando servizos públicos”. E reiterou que o peche é “unha perda de oportunidades no rural” tanto no eido do emprego como da economía en xeral e das condicións de vida.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button