Eleccións municipais 2023Última horaVídeos

Enrique Álvarez: “Quero estar outros catro anos no Concello para seguir facendo cousas por Vilamartín”

O actual alcalde e candidato socialista presentou o seu proxecto electoral de cara aos comicios do 28M

 

Convidando aos asistentes á I Feira de Artesanía organizada polas Mulleres Rurais de Córgomo con motivo das Letra Galegas, remataba o acto electoral no que Enrique Álvarez, actual alcalde e candidato socialista ao Concello de Vilamartín de Valdeorras, presentaba o seu programa de cara ás eleccións do 28M.

Non foi un mitin ao uso. Na mañá deste mércores 17 de maio e acompañado polo alcalde e candidato socialista ao Concello do Barco, Alfredo García, e polos número 2 e 3 da lista, Sherezade Núñez Rodríguez e Claudia Núñez Vidal, Enrique Álvarez Barreiro expoñía diante dos presentes e a modo de coloquio, os principais proxectos, moitos xa en marcha, que levará a cabo na vindeira lexislatura de saír reelixido, porque “quero estar outros catro anos no Concello e seguir traballando por Vilamartín”, dixo.

 

 

O primeiro en falar no acto celebrado no Centro Sociocultural Santa Lucía era Alfredo García, quen aseguraba que “os socialistas en Vilamartín non só facemos favores senón que estudamos os problemas e tentamos resolver os problemas do veciños, que case sempre teñen solución”. Taxante, destacaba que “non todos os políticos somos iguais e en Vilamartín tedes unha boa mostra. Aquí non hai comparación que valga porque os feitos están aí. Tedes a sorte de contar con Enrique e a xente que forma a súa candidatura, un exemplo de ilusión, de xente nova do pobo que traballo polos veciños e veciñas sen mirar e buscar ningunha pevenda electoral. Esa é a diferenza entre un e outros”, concluía García.

De seguido e respondendo ás preguntas que facía a presentadora do acto, Diana Ramos, era o turno de Enrique Álvarez que falaba dos tres proxectos máis destacados neste momento para o Concello de Vilamartín de Valdeorras: a remodelación do Bañadoiro, a reforma da praza Xosé Luis Núñez e as aldeas do municipio que aínda quedan pendentes.

 

 

Con respecto ao Bañadoiro, o actual alcalde asegurou que a paraxe do Bañadoiro é “inmellorable e unha referencia para Vilamartín por iso intentamos mellorala e facer dela un referente comarcal, en dúas fases”. Na primeira quedará rematado o paseo libre de coches e moi bonito, a estrada que pasará pola parte de arriba do campo de fútbol, quedará un gran parque para os nenos, unha piscina con gran espazo que na segunda fase será ampliada, e por suposto o pantalán. Nese punto a número 3 da lista, Claudia Núñez, destacou a importancia dun espazo “decente para a poboación infantil e as familias con nenos”.

En relación á praza Xosé Luis Núñez teñen previsto un proxecto moi ambicioso que sacarán a concurso para que parrticipen arquitectos e deseñadores “que nos amosen ideas interesantes que máis tarde valoraremos entre todos, para ver se é o que os veciños queren. Temos claro que hai que integrala no pobo e facer que a xente se sinta orgullosa, e para isto ten que ser atractiva e a gusto de todos para que queiran saír a ela”. Enrique tamén falou da posibilidade de conseguir a cesión da Casa dos Sierra que sería o lugar idóneo para albergar un pequeno museo do viño, da lousa, do castro de Valencia,…

 

 

O outro piar do programa é seguir traballando polos pobos. “Sabedes que levamos traballado moitos por eles (Arcos, Portela, Córgomo,…) pero quedan pendentes outros aos que non dimos chegado como Penouta, Valencia, O Mazo ou San Miguel nos que traballaremos máis adiante”, dixo Enrique, recoñecendo que necesitan que “a Deputación reparta os cartos equitativamente e xustamente, algo que non fai Baltar”.

Sherezade Núñez foi a encargada de expoñer a posta do PSdeG-PSOE polos recursos naturais, potenciando rutas que “vertebren o concello de norte a sur para dar a coñecer unha pasisaxe única e aínda descoñecida para moita xente”. Ñúñez tamén da Festa das Covas, un referente festivo que seguirán apoiando e a posta en valor de persoeiros como o Abade Ruíz de Padrón co futuro irmanamento con San Sebastián de la Gomera, e outros como Xaime Prada, Xosé Gayoso, Santiago Álvarez,…

 

 

Pola súa banda, Claudia Núñez destacou os campamentos de verán e Nadal, como actividade de referencia para a mocidade de Vilamartín adiantando que intentarán crear un carné para favorecer á xente do Concello. “É tal a demanda que moita xente queda fóra”, dixo Claudia, facendo un chamamento ás familias con nenos en idade escolar “para que valoren o colexio que temos porque se seguimos perdendo alumnos acabarán por pechalo”.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button