O luns día 16 de xaneiro ás 17 horas poranse á venda, na billeteira do Teatro Lauro Olmo, as entradas para o xantar do XVII Festa do Botelo . Así o notifican dende o Concello do Barco de Valdeorras, adiantando que este ano como novidade haberá 200 entradas máis á venda e tamén se limitará a compra por persoa. “Para intentar cubrir a demanda crecente de asistencia, increméntase o número de entradas ata chegar ás 1.150 (950 á venda no 2016) e cada comprador só poderá adquirir 20 entradas”, din. O prezo mantense nos 15 euros/persoa.
Por outra banda, dende hoxe, mércores 11 de xaneiro, están á venda as entradas para asistir ao espectáculo “Menú da Noite” do actor Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila (pregoeiros desta edición da festa) o día 22 no Teatro Lauro Olmo. As 250 entradas están dispoñibles na tenda Ton y Son e o día do espectáculo, unha hora antes da actuación, na billeteira do teatro. A actuación comezará ás 19 horas e a entrada custa 10 euros.