En portadaOurenseÚltima horaVídeos

Entrega de diplomas a 9 membros da Rede Nacional de Radio de Emerxencia na provincia polo seu labor altruísta durante máis de 30 anos

Entre eles estaba José María Valladares, voluntario da Agrupación de Protección Civil de Manzaneda

 

Esta mañá o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidía o acto de entrega de diplomas a oito radioafeccionados voluntarios da Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER) na provincia, entre eles estaba José María Valladares, residente nas Terras de Trives e voluntario de Protección Civil de Manzaneda. Estes diplomas son un recoñecemento á súa dilatada actividade e á súa colaboración desinteresada con esta rede de Protección Civil.

O subdelegado do Goberno quixo destacar “o compromiso xeneroso e altruísta co servizo público” dos nove radioafeccionados homenaxeados, ao poñer o seu tempo e os seus propios equipos de forma voluntaria ao servizo da seguridade cidadá. Así mesmo, subliñou “a contribución indispensable dos colaboradores da REMER para o funcionamento da Protección Civil en caso de emerxencias”.

Emilio González sinalou que “a preparación continua e a perfecta organización da Rede Nacional de Radio de Emerxencia fana un instrumento sumamente eficaz ao servizo dos órganos da dirección e xestión de emerxencias, como vén demostrándose en cada ocasión que os seus membros son requiridos para iso”.

Rede Nacional de Radio de Emerxencia

A Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER) constitúese como unha rede de ámbito estatal alternativa e complementaria a outras redes de comunicacións utilizadas pola Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior. A nivel provincial, depende dos respectivos delegados e subdelegados do Goberno nas diferentes Comunidades Autónomas e provincias.

O seu labor fundamental consiste en achegar a Protección Civil unha rede de comunicacións que asegure as transmisións entre os distintos servizos implicados nos sinistros e proporcionar información ampla e puntual das circunstancias e evolución dos mesmos. Esta rede cobra especial importancia cando as infraestruturas e instalacións terrestres presentan vulnerabilidade en certas situacións de especial emerxencia ou catástrofe; cando as telecomunicacións non están dispoñibles, están danadas, conxestionadas ou desbordadas; ou cando existe unha falta de cobertura en zonas de emerxencia de lugares remotos.

A rede está integrada por radioafeccionados acreditados para iso que, de forma voluntaria, se integran na estrutura para colaborar en situacións de emerxencia. Na actualidade, forman parte da REMER preto de 7.000 colaboradores en España. Na provincia de Ourense prestan este servizo 57 deles e a rede está estruturada en oito zonas de traballo, que cobren a totalidade do seu territorio.

 

 

Recoñecementos

No acto de hoxe recoñeceuse a dedicación e o traballo altruísta de Julio López González, Manuel Cortizo Blanco, Juan Carlos Martínez Iglesias durante trinta anos; e de Juan Vázquez Álvarez, Jose María Valladares Extremadouro, Jose Pedro Morais Gallego, Jose Luis Menéndez Seigas, Jose Cortés Lorenzo e Francisco González López durante trinta e cinco anos.

 

José María Valladares recollendo o seu diploma en Ourense.

 

No acto que tivo lugar no salón do trono da subdelegación do Goberno e estivo coordinado polo responsable de Protección Civil da Subdelegación do Goberno, Brais Pérez, acompañaron ao subdelegado na entrega de diplomas o Subdelegado de Defensa, Jesús Antonio Peñas; o Tenente Coronel da Comandancia da Garda Civil en Ourense, Rafael López; o secretario xeral da comisaría da Policía Nacional, Juan Manuel Sardiña; o inspector da Policía Local, Baldomero Rubio; o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias; o vicepresidente segundo da Delegación Territorial da Xunta de Galicia, Manuel Pardo; o xefe de área do Servizo de Emerxencias e Protección Civil da Xunta, Constantino Prado; o xefe de Protección civil da Xunta de Galicia, José Olivier Reboredo.

Tamén asistiu ao acto o coordinador provincial da REMER, José Ángel Casanova.

 

Artigos relacionados

Back to top button