EconomíaEconomíaPizarraÚltima horaViticultura

Entrega de premios do concurso de fotografía “Pioneiros da Lousa”, da Ruta do Viño de Valdeorras

O primeiro premio era para unha foto de Adolfo Fernández, o segundo recaía nunha imaxe de Sherezade Núñez e o terceiro nunha instantánea de Javier Brasa

 

O III Concurso de Fotografía da Ruta do Viño de Valdeorras, que este ano tiña como lema “Pioneiros da Lousa”, vén de facer públicos os ganadores desta edición. O acto de entrega de premios tiña lugar na tarde deste 15 de xullo na sede do Clúster da Pizarra de Galicia en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) coa asistencia do presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, e o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo.

O primeiro premio “Godello” (dotado con 300 euros) foi para Adolfo Fernández Docasar (O Barco de Valdeorras) coa foto titulada “Motor de Valdeorras”; que mostra unha serra serrando lousa cunha copa de viño enriba. O segundo premio “Mencía” (con 200 euros) correspondíalle a Sherezade Núñez Rodríguez (Vilamartín de Valdeorras) pola imaxe “Herdeiros dunha tradición milenaria”, tomada en Lentellais (O Bolo),”unha mañá de principios de xuño representa a simbiose perfecta entre a natureza e a man do home amable que se alimenta dos seus recursos”, segundo a organización do concurso.

Finalmente, o terceiro, denominado “Garnacha tintureira” (con 100 euros), correspondíalle a Javier Brasa Rodríguez (O Barco de Valdeorras) pola foto “O ouro de Valdeorras”, unha elegante instantánea na que, a través da lousa fíltrase o “ouro líquido” que fai que Valdeorras sexa coñecida internacionalmente polos seus viños.

Tanto os ganadores como o resto de participantes no concurso eran agasallados pola Ruta do Viño cunha botella de viño de adegas asociadas á entidade. Ademais a Ruta agradecía a colaboración do Clúster coa entrega tamén dun estoxo de viños de adegas asociadas.

Dende mañá, 16 de xullo, poderá verse na sede do Clúster da Pizarra de Galicia, unha exposición cunha escolma das imaxes presentadas ao concurso. O horario de visitas é de 9h. a 13:30h. e de 15:30h. a 19h. de luns a venres.

 

Os tres premiados, tras recoller os seus galardóns.

 

Un total de 24 imaxes presentábase a esta terceira edición do concurso, destacando a organización a gran calidade das mesmas. Esta iniciativa supón tamén unha primeira colaboración entre o sector do viño e o da lousa que se valora de maneira moi positiva entre ambos sectores e á que se lle pretende dar continuidade.

“Esta é unha colaboración entre dúas das industrias máis importantes de Valdeorras, que son a lousa e o viño, e penso que supón unha satisfacción tanto para a Ruta do Viño como para o Clúster. E a nosa idea é intentar continuar con isto nos vindeiros anos e tamén con algún proxecto máis”, tal e como aseguraba o presidente do Clúster, Víctor Cobo.

De maneira semellante se manifestaba o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez. “A idea é continuar colaborando, xa é o segundo momento no que nos encontramos, posto que tivemos outra reunión para asinar unha serie de acordos e cando pase o verán porémonos as dúas asociacións a traballar para desenvolver o turismo de Valdeorras, que está moi unido á vitivinicultura e á lousa. Dende o meu punto de vista estes son os dous elementos máis importantes da comarca”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Foto ganadora do primeiro premio do concurso, de Adolfo Fernández.

Artigos relacionados

Back to top button