ConcellosO BarcoÚltima hora

Entréganse os premios da campaña “Revelando a Xela” no Barco

A iniciativa estaba promovida polos 6 centros educativos do municipio e polo Barco CCA

 

Entre o 13 e o 31 de maio a campaña “Revelando a Xela” espallábase polos escaparates dos establecementos asociados ao Barco Centro Comercial Aberto (CCA). Fotos inspiradas en versos ou poemas de Xela Arias, e realizadas por alumnado barquense, locían nos comercios da vila compartindo de xeito diferente e orixinal a celebración das Letras Galegas 2021.

Era o resultado dunha nova colaboración entre o sector educativo barquense e o comercio para conmemorar a data do 17 de maio, decidada nesta ocasión á poeta lucense. Nesta campaña participaban os seis centros educativos do Barco (a través dos seus Equipos de Dinamización da Lingua Galega) e o Centro Comercial Aberto (CCA).

Ademais estas imaxes entraban nun concurso no que se escollía ás seis mellores fotografías da campaña. A decisión tomábaa a xunta directiva do CCA e esas imaxes eran premiadas con vales de compra (de 25 euros cada un) para investir en material escolar nas librerías asociadas ao CCA.

O acto de entrega de premios tiña lugar a primeira hora da tarde deste 8 de xuño na praza do Concello do Barco. O presidente do CCA, Jacobo Arias, destacaba no acto a calidade dos traballos e recoñecía que o xurado tivo dificultades á hora de seleccionar. Ademais amosaba a vontade do CCA de continuar colaborando en anos vindeiros con esta iniciativa, “esperando que no 2022 as Letras Galegas se lle adiquen a Florencio Delgado Gurriarán, de ser así, sería algo moito máis especial”.

 

 

Tamén dende os Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros participantes se destacaba a boa resposta e participación da iniciativa, pese a desenvolverse nunha situación condicionada pola pandemia do Covid (que impedía actividades como o tendal que outros anos se realizaba no Paseo do Malecón e a xincana), así como a calidade dos traballos presentados polo alumnado.

Fotos: A.R.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button