CulturaCulturaÚltima hora

“Envuelta en sonidos” a vida da pianista Sara Marianovich feita libro

Sara Marianovich na contraportada do libro.

 

En 2021, tres anos despois de deixar O Barco por motivos laborais, a pianista serbia Sara Marianovich regresaba á vila que a conquistaba e acollía hai case unha década, para involucrase novamente no ámbito cultural da poboación, pero desta volta cun local propio, “Sueños” un espazo con cabida para actividades educativas e culturais (clases de piano, concertos didácticos e de música clásica, cursos de formación artística, presentacións de libros, exposicións,…); e neste 2023, celebrando catro décadas nos escenario, publica o seu libro “Envuelta en sonidos”.

Sara Marianovich (Belgrado, Serbia, 1971) ofreceu o seu primeiro concerto no ano 1983, con tan só doce anos, ante o gran público como solista acompañada pola orquestra, e ao ano seguinte, o seu primeiro recital de piano, “motivo que me pareceu ideal para facer un resumo dos acontecementos máis importantes e compartir as miñas vivencias e experiencias co lector deste libro”, di a pianista.

 

Portada do libro.

 

“Envuelta en sonidos” é pois unha autobiografía, na que Sara non desvela a identidade dalgunhas persoas e entidades, “respectando en primeiro lugar o seu desexo de non mencionar o seu nome e, ao mesmo tempo, porque a miña intención, nalgún caso, non era falar deles, senón unicamente poñer o foco en situacións polas que pasara; algunhas eran marabillosas e ata milagrosas, e noutras describo dificultades coas que todos poderiamos atoparnos algunha vez na vida”.

A propia autora conta que hai uns anos comezara a apuntar algúns acontecementos “para evitar que caesen no esquecemento os detalles das circunstancias tan especiais e de como se produciron; sobre todo, polas curiosidades referentes ás solucións que xurdían sen poder xamais imaxinar tal desenlace”, di, recoñecendo que “poucos músicos tiveron que lidar con tantos problemas de distinta índole, moi duros e imprevisibles, como os que me aconteceron. Sorpresas realmente marabillosas e inimaxinables xorden, a modo de recompensa, se somos capaces de aguantar a dor, ter paciencia e non perder a fe en que chegarán as solucións, mesmo sen poñer nada máis da nosa parte”.

 

 

Escribindo este libro (Europa Ediciones, 2023) Sara decatouse dunha interesante coincidencia, que “todo o que me marcou, co que podería describir a miña vida, aquilo que deixou pegada en min, empeza pola letra E, que precisamente equivale ao ton MI na música: España, estranxeiro, ensino, educación, esperanza, empatía, estima, extremos, erros, entusiasmo, esixencias, esforzo, escribir, expresar, estrañar etc. Incluso as letras do nome da editorial á que confiei a publicación deste libro empezan por E”, conta, asegurando que está dispoñible en Italia e desde o 31 de agosto tamén nas librerías en España.

 

Artigos relacionados

Back to top button