ColaboraciónsEconomíaEconomíaOpiniónÚltima hora

Eólicos en Valdeorras

Imaxe de Trevinca.

 

Nestes días irrompe con forza nos medios de comunicación e nas conversas de rúa o tema da instalación de parques eólicos en Valdeorras. Nas páxinas web do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico aparecen insertados os plans de futuros parques eólicos na provincia de Ourense, é requisito obrigatorio que sexa este Ministerio do Goberno Español quen informe das características destes proxectos mediante información pública dado que a potencia dos parques supera e con moito os 50 MW.

Os parques previstos para a provincia de Ourense son tres: o de Vilar de Barrio, o de Barxas e o de Prada, os dous últimos afectan ou afectarán -de levarse a cabo- á comarca de Valdeorras. O de Barxas consta de 22 aeroxeradores que van ubicados na veciña comarca do Bierzo en Castela León, tendo unha potencia de 122 MW. Neste caso, a liña de evacuación da enerxía de aproximadamente 57,35 kms. de lonxitude transcorrirá totalmente polas terras de Valdeorras, en concreto polos municipios de O Barco, Vilamartín, A Rúa, Larouco e Quiroga ata alcanzar a central de Trives.

O outro que incide na comarca valdeorresa é o chamado parque eólico de Prada que consta de 31 aeroxeradores de 5,5 MW de potencia cada un, cun total de 170 MW de potencia e situados na súa totalidade dentro da nosa comarca, o que o converte no máis potente de Galicia e un dos que máis enerxía vai xerar de toda España. Abondando nas características técnicas do chamado parque eólico de Prada, que a partir de agora diremos de Trevinca por estar na súa contorna de influencia, diremos que cada muíño ten unha altura no eixe central (buje) de 120,90 metros e un diámetro nas pás (rotor) de 158 metros, abarcando unha área de barrido de aproximadamente 20.000 metros cadrados, idéntico a dous campos de futbol, xirando na paisaxe. Os muíños irían situados nos municipios de Carballeda, O Barco e a Veiga, sendo éste o municipio máis afectado. A liña de evacuación da enerxía que tería unha lonxitude de aproximadamente 30,65 km. afectaríalle tamén aos municipios de Vilamartín, Petín e Larouco, ata chegar á central de Trives. Cada un dos parques previstos leva intrínsecos unha instalación de “centros ou edificios de control de traballo” de 5.000 metros cadrados e outras 5 torres cada parque dunha altura de 120 metros.

Aclaro que todos estes datos numéricos van insertos nos plans/proxectos dos mencionados parques eólicos colgados nas páxinas web do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e que poden ser consultados por calquera persoa. Son documentos iniciais dos proxectos de parques para a súa información e posterior Estudo de Impacto Ambiental (EIA), e que o grupo ou persoa que o desexe, poida presentar alegacións aos mesmos, correpondendo sempre a autorización final á Administración Xeral do Estado, dada a potencia dos parques previstos.

Os tres parques eólicos mencionados serían propiedade da compañía noruega Statkraft e subsidiarios de empresas satélites. O parque eólico de Prada/Trevinca sería levado a cabo por “Desarrollos Renovables Iberia Gamma Sl” e o de Barxas por “Desarrollos Renovables Iberia Delta Sl, ambas coa mesma sede social en Madrid. Isto se resume de xeito sinxelo en que: Valdeorras pon os recursos, os tributos ou impostos van para Madrid e os beneficios marchan para Noruega. Para comprender por que este país vai a ser o Señor da maior parte da enerxía xerada polo vento ibérico, hai que ter en conta que este estado báltico é dono dunha porcentaxe elevada da débeda pública do estado español (concretamente máis de 5.000 millóns de euros) e que se non os devolve, que ven a ser o caso, toca facer caixa cedendo recursos para a súa explotación e posterior xeración de beneficios. E por máis añadidura as grandes empresas teñen que ser moi dilixentes para acceder ás subvencións de fondos europeos, que debido á pandemia do coronavirus estarán a chegar.

 

Cumes de Trevinca con neve.

 

En outros termos dicir que Galicia alcanza a 31/12/2019 un total de enerxía eólica de 3.814 MW o que a convirte na terceira comunidade do estado español neste tipo de enerxía e na primeira en número de aeroxeradores instalados en relación á súa superficie. Curiosamente as comunidades con máis potencia eólica en España atópanse no fondo da táboa de xeración do PIB do Estado. Pola contra, Madrid, Catalunya, País Vasco, Baleares as máis desenroladas economicamente son as que menos potencia eólica teñen instalada nos seus territorios. Estamos a falar unha vez máis en termos de colonia: explotan os nosos recursos naturais revertendo os beneficios fóra da nosa comunidade.

Sen perder de vista os parques que nos poderán afectar, voume centrar no de Prada/Trevinca xa que o de Barxas sitúa os seus aeroxeradores na comarca do Bierzo aínda que é de características semellantes e afecta a unha zona de especial protección como é O Courel requerindo outra análise diferenciada e específica.

O parque eólico de Prada/Trevinca ten 31 aeroxeradores instalados na súa totalidade nos concellos de Carballeda, A Veiga e O Barco e afectando, como xa dixemos, a liña de evacuación aos concellos valdeorreses de Vilamartín, Petín e Larouco. Algúns destes muíños van ser visibles principalmente desde todo o municipio de A Veiga. Para entendernos, ten unha distribución en forma de i grega: un ramal de muíños parte por riba da montaña da Serra do Eixo dos pobos de Soutadoiro, Candeda e Riodolas, e outro ramal parte preto dos pobos de A Veiga de Vilanova, Ponte, Meixide, Curra e Prada e cada muíño por mor das leis de “Servidumbre Aeronaúticas” ten que ter un sistema de balizamento de tres luces para facelos visibles a varios kms. á redonda. Para levar os distintos muíños ao seu lugar de ubicación utilizarase a estrada Nacional 120 e a Autonómica 536 e tamén pistas forestais e de acceso aos núcleos rurais. Aclarar que se necesita unha anchura de pista de entre 8 a 10 metros cunha pendente de entre un 3% e un 5% e que estas pistas a modo de feridas van permanecer de por vida na paisaxe. Dicir que tamén permanecerán os muíños por moitos anos, xa que estes, como os ordenadores en informática, cada ano que transcorre van quedando obsoletos e non queda nada claro nos proxectos prantexados como se farían as hipotéticas modificacións.

No proxecto indícase de forma xenérica que non se deben afectar masas forestais singulares a menos de 5 kms dos aeroxeradores ou 2 kms. das liñas de evacuación. Neste caso quedan dentro da área de influencia do parque o Bosque do Teixadal, auténtica xoia botánica, o Foio Castaño e a recentemente declarada masa forestal singular de Meixide no Concello de A Veiga.

Estamos na proximidade dunha zona ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves) e limitando con zonas da Rede Natura 2000, lindando tamén co Parque Natural de Sanabria que é a mesma zona xeográfica ca que nos ocupa. Entre algunhas das miles de aves afectadas estarían a aguia real (especie protexida), o aguilucho cenizo, o aguilucho lagunero, o voitre leonado… Entre outro tipo de animais que se verían condenados estarían o morcego ratonero e o morcego de herradura( tamén especies protexidas). Trevinca é un paraíso para os lepidópteros. Xa os biólogos Chapman&Champion en 1906 nunha viaxe por estas montañas dignas dunha novela descubriron especies endémicas da zona como a bolboreta Aricia Morrenensis. O lobo, o galápago europeo, o desmán ibérico (case extinguido), o escancer, o lagarto ocelado, a ra patilarga, a víbora de Seoane (o Macizo de Trevinca alberga a maior variedade de especies de serpe venenosa de España), etc son moitas das especies que verán moficado de maneira substancial o seu hábitat ou simplemente desaparecerán.

O patrimonio cultural tamén quedará tocado pola instalación do parque eólico de Prada/Trevinca: destrucción ou modificación da Mámoa do Alto da Moeda (incidencia do aareoxerador N.13), das Mámoas en Campo das Arcas, do Castro de O Castrillón en Larouco (posible campamento romano no entorno do Alto de Monzón),…

A maior repercusión vai ser sobre o Municipio de A Veiga, que levo anos dicindo en diversas publicacións que é o concello da Galicia interior más bonito. Aqí levan anos apostando por un tipo de desenrolo económico baseado no turismo rural, na gandería e nos productos de montaña. Os postos de traballo, que con tanto esforzo van xerando, vanse perder, porque a industria eólica, e hai que ser sinceiro, non vai traer ningún. Hai días a empresa Siemens-Gamesa, que produce material para parques eólicos, ubicada no concello galego de As Somozas, acaba de despedir a más de 200 traballadores. A consecución da categoría de “Ceo Starlight” para A Veiga, que trouxo consigo a construción dun enorme observatorio no seu territorio vaise ver truncada.

¿E que beneficios deixaría un parque eólico nos concellos afectados? Cero postos de traballo e sendo o tema económico un asunto que habería que negociar cos comuneiros ou propietarios de montes; que ata o de agora e está demostado, non pasa do 1% anual dos beneficios que xera a enerxía eólica de cada muíño.

Se a alguén non lle gustan as razón expostas anteriormente para alegar pola non instalación do parque eólico de Prada/Trevinca teño moitas mais. Considero que a tan necesaria transición enerxética debe ser ecolóxica e xusta co medio ambiente, coa sociedade no seu conxunto e cos territorios do rural, esa España valeirada da que tanto se fala agora e que son os que poñen en definitiva os recursos. Hai que coidar da biodiversidade e da paisaxe, apostando polos valores que atesoura e que se dan, e moito, nas áreas de montaña.

Texto: Lolo Gómez Segura, montañeiro por Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button