Máis de 250 nadadoras de 33 clubs de toda España participaban no campionato nacionnal alevín de verán “Trofeo Asisa de Natación Sincronizada” celebrada a pasada fin de semana en Granollers (Barcelona).
Entre esas nadadoras estaban dez alevíns do Club Sincro Ourense: Iris Carid, Blanca Moyano, Eva Rodríguez, Antía Touriño, Antía Blanco, Cristal Daniela Mota, Estela Luisa Ojea Lucía Pousa, Lía Pulido e Iria Fernández, que asistían á cita nacional acompañadas polas súas adestradoras Beatriz Montes, Elvira López e Tania de Cabo. “Catro destas nadadoras foron seleccionadas nesta tempada para formar parte do programa de tecnificación levado a cabo pola Federación Galega de Natación”, explican dende o club ourensán.
En Granollers a cativas do Sincro Ourense participaron en figuras individuais, combo e equipo. Na competición de figuras individuais Estela Luisa Ojea foi 7ª, Antía Blanco 9ª, Cristal Daniela Mota 12ª, Iria Fernández 15ª, Blanca Moyano 13ª e Lía Pulido 46ª. Na clasificación absoluta, entre 250 participantes Blanca Moyano foi 51ª, Iris Carid 73ª, Eva Rodríguez 75ª e Antía Touriño 77ª.
Con respecto á competición de equipos as ourensás finalizaron no posto 13º de 22 participantes e en rutina libre combinada, no 8º de 22 participantes. Na clasificación global por clubes, dos 33 participantes, as de Ourense finalizaron no posto 14º.