SanidadeÚltima hora

A Escola de Enfermería de Ourense despide á promoción 2013-2017

Case un centenar estudantes de Enfermería graduáronse cun acto hoxe, 27 de maio, no Auditorio Municipal

A Escola de Enfermería de Ourense celebrou hoxe, 27 de maio, a graduación da súa promoción 2013-2017. Case un centenar de novos enfermeiros, formados na cidade, saen ao mundo laboral sanitario. O acto celebrouse no Auditorio Municipal de Ourense.

O acto estivo presidido polo xerente da EOXI de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Dionisio López Vellido; o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; a xefa territorial de Sanidade, María Villar; a xefa de Enfermería do CHUO, María José Maior; en representación do Concello, o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar; e a directora da Escola de Enfermería, Estrella Portela.

O xerente da EOXI, Dionisio López, asegurou que en Ourense “temos a mellor escola de Enfermería de Galicia” e aseverou que “somos tamén a mellor EOXI”. Asemade, con solemnidade, díxolles aos graduados que “estou seguro de que os pacientes que atendades estarán moi contentos con vós”. Pola súa parte, o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, recalcou no seu discurso que o sistema sanitario español “está entre os mellores do mundo” e fixo un xesto de agarimo felicitando tanto aos profesores “porque é unha profesión difícil” e tamén ás familias “polo seu apoio aos alumnos”. Con todo, garantiu que a colaboración da Universidade coa Escola de Enfermería seguirá adiante.

Tamén a xefa de Enfermería do CHUO, lembroulles que a partires de agora serán profesionais sanitarios e iso implica moitas cousas “dende atender ben ao paciente até gardar o segredo profesional”. Finalmente, foi a quenda da directora da Escola que abriu o seu discurso dando a parabén a todos os graduados: “foron catro anos nos que houbo alegrías, enfados e penas”, lembrou. Asegurou que a partires de agora “xa non hai guías docentes nin bibliografías, seredes vós a vosa propia guía docente”. A directora cocluíu o discurso cun consello: “esta profesión tendes que amala e gozar dela”.

O acto continuo coas voces do Coro da Universidade de Vigo- Campus de Ourense. Tras diso, foi a quenda dos saúdos e consellos dos profesores que pasaron con eles este percorrido de catro anos e de colocar as bandas de graduados aos estudantes. Logo todos gozaron dun pequeno aperitivo coas súas familias, antes de ir ao restaurante a cear todos xuntos para celebrar que xa son Graduados e Graduadas en Enfermería.

Fotos: Carlos Asensio, excepto a primeira que foi cedida por Javier González da Silva.

Artigos relacionados

Back to top button