OurenseÚltima hora

“Esenciais 20/50”, un “espazo para o diálogo e a creación entre persoas de diferentes idades

Trátase dunha iniciativa de Cristina Pato e Xaime Fandiño en colaboración con Cunde e a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento

 

Arredor da arte, a sociedade e a idade xira a iniciativa “Esenciais 20/50”, un laboratorio de creación e pensamento promovido pola música e educadora Cristina Pato, polo profesor xubilado e creador audiovisual Xaime Fandiño e pola codirectora da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, Marina Oural. O obxectivo é que “os participantes reflexionen e aprendan sobre os estereotipos e os diferentes xeitos de envellecer”, tal e como explicaban os promotores na presentación do proxecto, o venres 3 de decembro en Ourense.

Así, esta proposta persegue “crear un espazo para o diálogo, a reflexión e a creación integrando a persoas de diferentes idades. Con este foco interxeracional, nace a súa programación, centrada nunha serie de obradoiros interdisciplinares que acollerán participantes de diferentes xeracións, oficios e vidas, creando con eles espazos de interacción arredor de procesos artísticos-pedagóxicos vivenciais”.

 

 

O resultado destes obradoiros amosarase no evento “Esenciais 20/50”. Trátase dunha mostra escénica prevista para o vindeiro 18 de decembro no Teatro Principal de Ourense e que contará coa colaboración dun equipo de artistas entre os que figuran Marina Oural e Ugia Pedreira, a poeta Eva Veiga, a docente Alba María, a compositora Chefa Alonso, a cantante e compositora Wöyza, e o grupo interxeracional Deteriorados. “Os protagonistas desta obra serán as historias de vida e experiencias dun grupo de persoas que están a afrontar o envellecemento de xeitos diferentes, xerando un espazo común entre público e participantes da mostra”.

Deste xeito, o proxecto xurde como unha “resposta cultural ao fenómeno do idadismo, un termo acuñado polo xerontólogo norteamericano Robert N. Butler que o definía como a discriminación sistemática contra as persoas pola súa idade, unha discriminación a nivel social e institucional, que se manifestou con máis forza que nunca durante a pandemia do coronavirus”, segundo os promotores de “Esenciais 20/50”.

Artigos relacionados

Back to top button