OurenseÚltima hora

Estreas de primeiro nivel e un papel destacado para os creadores galegos no 26 OUFF

A sección oficial inclúe títulos que veñen de ser premiados en festivais como Venecia, a Berlinale e Cannes

 

71 produccións audiovisuais programadas, 33 delas con participación galega, 22 curtas, unha serie de televisión e unha web serie. Co esta completa programación botará a andar o vindeiro 24 de setembro o 26 Ourense Film Festival (OUFF). Complétase o programa con 16 estreas, 10 delas a nivel mundial, como é caso de Malencolía na gala de apertura, e 24 países representados. Todo isto programado nunha edición na que o Ourense plató de cine toma relevancia ao mesmo tempo que se aposta por unha Sección Oficial de calidade que se consolida coma un espazo de encontro dentro do panorama cinematográfico estatal.

Así se destacaba esta mañá no acto de presentación do festival, no que participaban o conselleiro de Cultura Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo; ou Miguel Anxo Fernández, director artístico do OUFF, entre outras autoridades.

A 26 edición do Ourense Film Festival, “representa unha homenaxe a todos aqueles que fixeron desta cidade e desta provincia unha terra de cine, berce da cultura, da reflexión, da innovación e da vangarda”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nun acto no que anunciou que engadirá ás funcións da deputada de Cultura, Patricia Torres, a responsabilidade de produción audiovisual, “título que non existe na nosa contorna nacional e que reflicte perfectamente o carácter de Ourense como porta de entrada do cinema de Galicia”.

O rigor e calidade do festival, dixo, “reflíctese nestes 26 anos, edicións máis que suficientes para mirar con moito optimismo cara o futuro, comprobando como Ourense gañou visibilidade organizativa en todo este tempo e como se nos coñece en San Sebastián, en Almería, Alacante ou Málaga, onde os presidentes dos seus respectivos gobernos provinciais tamén apostan con decisión polos seus certames”. O festival, engadiu Manuel Baltar, “achega a Ourense unha personalidade propia, un espello da cultura que tan fundamental é para esta Deputación, como así quedará demostrado na inauguración e na clausura, coa proxección de senllas producións rodadas en Ourense”.

 

 

Román Rodríguez felicitou ao festival por esta 26 edición “cando hai moi poucos proxectos culturais na Galicia contemporánea que poidan pasar as vodas de prata con brillantez, e onde se comproba a grandísima identificación coa cidade e a provincia de Ourense e a notable implicación público-privada”. Unha iniciativa, afirmou, “moi importante para un sector tan puxante na cultura galega como é o audiovisual, nun momento de esplendor creativo e de madurez, e con recoñecemento nacional e internacional”. Unha aposta clara, sinalou, ”pola industrialización e a modernización dun sector que en Galicia dá traballo a máis de 2.000 persoas, con máis de 130 empresas e que xera ingresos superiores aos 127 millóns de euros”.

Carmen Leyte, que recordou “o empeño de Manuel Baltar para que continuase o festival más antigo e importante de Galicia”, destacou a entrada en escena do OUFF da Fundación Carlos Velo “cos seus obxectivos claramente impulsores do audiovisual galego, seguindo o imaxinario do cineasta de Cartelle, e recollendo con responsabilidade e orgullo a organización e xestión do festival”.
Miguel Anxo Fernández, pola súa banda, foi o encargado de detallar o contido do programa “dun certame que este ano reforza a condición de xurado internacional da sección oficial, con representantes de México, Uruguai, Portugal e España, así como coa cinematografía de Portugal e de México, que se suman á comezada con Francia na pasada edición, ademais da concesión da Calpurnia de Honra Internacional á actriz lusa Leonor Silveira ”, subliñando ademais que “dos 71 filmes de diferente formato que compoñen esta edición, 33 teñen participación galega”.

A sección oficial

Con filmes procedentes de 12 países e que están a triunfar en festivais internacionais de primeiro nivel consolídase a sección oficial do festival. Entre as 10 películas seleccionadas están Eles transportan a morte, película galega que acaba de ser premiada no Festival de Venecia e que se rodou en Ourense, Benedetta, a nova película de Paul Verhoeven que revolucinou o Festival de Cannes coa historia dunha monxa lesbiana e Mediterráneo, unha das tres preseleccionadas para representar a España nos Oscar. Haberá tres filmes que se estrearán en España dentro do OUFF: a mexicana Uzi, cuarto filme de Pepe Valle, o filme Pleasure (premiada no Festival de Gotemburgo) e a coreana Nido de Víboras, Premio do Xurado no Festival Internacional de Cine de Rotterdam e Mellor película do ano nos Premios da Crítica de Corea.

Tamén hai oco para Listen, premio á mellor ópera prima en Venecia 2020 da directora portuguesa Ana Rocha de Sousa e Playground de Laura Wandel, Premio FIRESCI da sección Un Certain Regard en Cannes. Completan a carteleira de Sección Oficial 2021 a turca Mi mejor amigo, Premio FIPRESCI en Berlín e Mellor Película no Festival Cinemajove de València, un desgarrador relato sobre a amizade, e La ruleta de la fortuna y la fantasía, Oso de Plata na Berlinale.

Ademais, haberá con dúas películas fóra de competición. Malencolía terá a súa estrea mundial na gala de apertura do vindeiro venres e para poñer o broche de ouro teremos a estrea que se verá antes de chegar a salas, Live is life, de Dani de la Torre, Premio Ourense o pasado ano e que se proxectará na gala de clausura. Ámbalas dúas foron rodadas na provincia de Ourense.

OUFF en curto e moito máis

O OUFF xa non se entende sen o OUFF en Curto, a competición na que teñen cabida as curtas máis recentes dos creadores galegos. Como nestes últimos anos, a sección dividirase en tres bloques que se proxectarán no Cineclube Padre Feijoo, colaborador imprescindible do festival. Fas Muvis, o concurso para rodar unha peza audiovisual en Ourense en 48 horas, comezará á vez que se levanta o telón do OUFF o próximo venres. Este ano como novidade, estas dúas seccións competitivas contarán coa súa propia gala na que se darán a coñecer os premiados e que terá lugar no Teatro Principal de Ourense o sábado 2 de outubro. E tamén hai un oco para o certame OUFF Escola, dirixido a promover o audiovisual e o uso do galego entre os máis novos. Eles terán o seu día o 27 de setembro, cando recollan os premios no Auditorio.

Así mesmo están previstas outras premieres durante estes 10 días de cine. Nas Sesións Especiais, que volven un ano máis, haberá dúas estreas. Por un lado, o documental OURENSE FILM FESTIVAL: 25 ANOS DE CINE, un repaso pola historia do noso festival durante ese cuarto de siglo, e por outra banda, El cuarto de Mona, unha película galega do máis divertido dirixida por Darío Autrán.

Tamén están presentes tres das seccións favoritas polos espectadores: Inédito en Ourense, na que se poden ver películas recentes de gran éxito pero que non se puideron ver na cidade e que este ano ofrece títulos como El olvido que seremos, La vida de los demás ou El inglés que cogió una maleta y se fue al fin del mundo. Tamén volve Cine e Auga, ciclo no que se proxectan diversos filmes relacionados co mundo da auga e con ese guiño ao Ourense termal, e Panorama Galicia, o espazo para as obras galegas e no que haberá tamén estreas como Acorda, un documental sobre a represión franquista na provincia de Pontevedra a través da música ou Polavisión, un fallo instantáneo de Álex López sobre a creación da Polaroid. Non hai futuro (OpusV), Os tempos mortos do Führer, El encuentro e Devolvendo o golpe completan o panorama de novidades que se verán por primeira vez no festival. Tamén poderá verse por primeira vez en España Doppelgänger e Clown´s planet e un documental que chega por vez primeira a un festival, o documental Persoas S.A da lucense Cristina Palacios e que se centra no activismo LGTBI desde o mundo rural,

Outra estrea mundial desta 26 edición é a de Quen somos Nós, unha homenaxe á Xeración Nós dirixida por Simón Casal. Esta proxección, xunto con outras catro máis, forman parte de Cine e Literatura. Neste ciclo tamén poderemos ver o documental sobre Ian Gibson e a figura de Buñuel Donde acaba la memoria, José Ángel Valente. Escribir lugar sobre o poeta ourensán ou Escribir lo imposible de Simone Saibene, con Juan Tallón e a súa novela Rewind como protagonistas.
Outro evento que se repite é o de achegar o mundo do cinema ata os internos do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar durante a celebración do OUFF. Neste ano proxectarase a premiada película galega Ons e contarase coa presenza do seu director Alfonso Zarauza. A estes súmase os xa anunciados Cine Familiar e o Ciclo Xacobeo, que traerá o mellor das películas relacionadas co Camiño de Santiago.

Non faltarán tampouco as homenaxes, con multitude de actos. Este 26 OUFF será organizado pola Fundación Carlos Velo co apoio principal da Deputación de Ourense e quere converter á cidade de Ourense nunha estrela do universo cinematográfico, sexa do gusto do público

Artigos relacionados

Back to top button