CulturaCulturaÚltima hora

Estréase a segunda tempada da serie “Rapa”, de produción valdeorresa, en MovistarPlus+

 

O Teatro Jofre de Ferrol acollía esta tarde a estrea da segunda temporada de Rapa para MovistarPlus+ que regresa mañá á emisión na plataforma tras desenvolver durante o outono pasado a súa rodaxe na cidade departamental co apoio da Xunta. Os seis capítulos que conforman esta ficción, da produtora Portocabo cuxo director xeral é o valdeorrés Alfonso Blanco, contaron para a súa gravación cunha contribución económica da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades de 300.000 euros procedentes do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual galego. Rapa ten sido ideada por Pepe Coira e Fran Araújo.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e mais a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acudiron ao pase especial do primeiro capítulo, ao que tamén asistiu gran parte do equipo técnico e mais o artístico, encabezado este último por Javier Cámara e Mónica López. Rapa reúne, ademais, unha nutrida representación do talento interpretativo galego, ao contar con actores e actrices como Evaristo Calvo, Melania Cruz, Iolanda Muíños, Carlos Blanco, Darío Loureiro, Chisco Amado, Adrián Ríos, Lara Boedo ou Federico Pérez no seu elenco.

Na súa intervención, Jacobo Sutil explicou que a nova entrega desta serie é un reflexo máis do gran momento que vive nos últimos anos o audiovisual galego, cuxo éxito está a ser acompañado e impulsado pola decidida aposta da Xunta por este sector estratéxico. Felicitou tamén a todo o equipo da produción polo resultado artístico e de difusión acadado xa na primeira temporada de Rapa, e por ser quen de poñer en valor unha vez máis a profesionalidade dos nosos actores e actrices e da nosa escrita audiovisual.

“Trátase dunha produción que, ademais, reúne moitas características que nos demostran que Galicia, sen dúbida ningunha, posúe tamén a capacidade de produción e de xestión necesarias para se situar con solvencia empresarial e con calidade artística no novo panorama de consumo televisivo baixo demanda. Un modelo no que se desenvolve perfectamente Portocabo e que está a marcar un destino cheo de posibilidades e de proxección de futuro para a produción audiovisual”, expresou.

Artigos relacionados

Back to top button