EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Estréase comproenviana.com, un escarapate virtual das empresas vianesas

Este portal, promovido polo Concello e deseñado por Cristina Fernández e Jason Heaver, vén de presentarse na vila

 

“Non se pode comprar a felicidade, pero si podes comprar en Viana… que vén sendo a mesma cousa”. Con este lema finalizaba Cristina Fernández, creadora de comproenviana.com xunto a Jason Heaver, a presentación deste novo portal que vén de poñerse en marcha con 91 empresas do municipio: establecementos comerciais, hostalaría, empresas de servizos, etc. O acto tiña lugar na tarde deste 18 de xuño na Casa da Cultura de Viana do Bolo.

A idea xurdía durante o confinamento. Mentres estaba na casa, facía compras online e analizaba datos sobre comercio electrónico vendo o seu potencial, Cristina Fernández comezou a buscar que era o que se podía mercar a través de internet no seu concello. “Ou non había información ou a que había era obsoleta”, contaba e iso levouna a desenvolver este proxecto co fin de “traer ao século XXI a actividade comercial de Viana”.

Levaba a súa proposta ao Concello de Viana que a apoiaba dende o primeiro momento. “Nesta situación de crise sanitaria e tamén económica na que estamos queriamos aportar o noso gran de area, contribuír a esta nova normalidade e que resulte o menos gravosa para a nosa economía. Dende o grupo de goberno buscábamos que podiamos facer para axudar nese senso, dentro das nosas posibilidades e competencias. Un dos aspectos no que queriamos traballar era a promoción do comercio local, estabamos convencidos de que podía ter un pulo e esa idea que nós tiñamos en abstracto materializouse cando Cristina nos presentou o seu proxecto, así que démoslle para adiante”, comentaba tamén na presentación o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, que acudía acompañado pola concelleira de Cultura, Graciela Diéguez.

 

 

A páxina comproenviana.com, que é de balde para as empresas, pretende amosar todo o que é Viana: dende os seus recursos turísticos, a súa riqueza gastronómica, variedade de servizos e de comercio. “Resume o municipio a nivel comercial e económico forma sinxela e moi visible con tan só un click”, resaltaba ao rexedor, que tamén indicaba que esta situación de pandemia “serviunos para aprender a traballar máis conxuntamente e a solucionar os problemas entre todos, espero que a solidariedade que houbo non se acabe e esta ferramenta sexa o inicio dun proxecto de participación social”.

Deseguido, Cristina Fernández explicaba a estrutura da páxina (con versión en galego e en castelán), a organización dos seus contidos e as súas funcións, entre elas a do buscador. Agradecía o apoio do Concello, a colaboración de Andrés Ortiz que aportou as imaxes que a ilustran e tamén a gran resposta dos empresarios da zona.

“É unha páxina dinámica, fácil, sinxela, con imaxes moi fermosas que achegan os atractivos de Viana, e tamén unha nova oportunidade para todos os vianeses de amosar os produtos e servizos”, engadía. O proxecto continúa aberto e esta deseñadora vianesa está convencida de que en breve haberá novas incorporacións, “imos pasar do cento e empresas”, aseguraba.

Ao final do acto distribuíanse entre os empresarios asistentes carteis plastificados promocionais deste portal para colocar nos seus locais. Ademais aqueles que non estiveron presentes poderán recollelos no Concello de Viana do Bolo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button