OurenseÚltima hora

Estudantes de Secundaria buscan solucións ao Covid en Galiciencia

Entre os proxectos que este ano optan ao premio, está unha aplicación web para axilizar o rastrexo de casos positivos nas aulas ou un hixienizador de pantallas táctiles

 

A 15ª edición de Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade dirixida a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato, remataba esta mañá a que foi a súa primeira edición online debido á situación sanitaria. Ao longo destes tres días o certame logrou reunir a máis de 4.000 alumnos non só de Galicia, senón do resto de España. É unha iniciativa promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006 e conta co apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

Nos vindeiros días daranse a coñecer os alumnos gañadores do concurso de proxectos, que no último mes foron chegando á organización de Galiciencia e están expostos na web www.galiciencia.online, onde o público pode interaccionar e dar a súa propia valoración. Seleccionáronse un total de 60 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP, que competirán polo premio final do certame con propostas innovadores en ámbitos tan diversos como as novas tecnoloxías, agricultura, medio ambiente, comunicación, música, bioloxía, física ou robótica, entre outros. Fóra de competición tamén poden participar estudantes de Primaria e Educación Especial, dos que se seleccionaron 28 proxectos.

Varios dos equipos participantes no concurso presentan diferentes solucións vencelladas ao Covid-19, como un hixienizador de pantallas táctiles que permita evitar a transferencia de virus, bacterias e outros patóxenos; ou unha aplicación web para axilizar o rastrexo de casos positivos nas aulas, do alumnado que estivo ao redor e dos que teñen síntomas e están á espera dos resultados de probas.

Hai proxectos curiosos como unha tumbona capaz de converterse en bolsa na que se pode levar todo o necesario para ir á praia, cargando así con menos bultos. Unha incubadora automática para observación mediante vídeo streaming do desenvolvemento das aves que se críen nela, feita con materiais recuperados de pezas de ordenadores vellos.

Artigos relacionados

Back to top button