OurenseÚltima hora

Estúdase o sistema defensivo da croa de Outeiro do Castro (Baños de Molgas)

Alumnos de Historia do Campus de Ourense están a participar nas escavacións que se desenvolven dende o 23 de agosto neste xacemento

Escavacións no Outeiro do Castro (Baños de Molgas)./ Foto: Duvi.

 

Desde o pasado 23 de agosto un grupo de alumnos de Historia do Campus de Ourense están a participar nunha escavación arqueolóxica no castro do Alto de Acea, tamén denominado Outeiro do Castro, no municipio de Baños de Molgas. O seu labor ten como eixo principal no estudo do seu sistema defensivo.

Co fin de coñecer os avances rexistrados nesta intervención, este martes visitaron o xacemento Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, e Adolfo Fernández, vicedecano do mesmo e centro e membro do Grupo de Investigación en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo (GEAAT); e Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas, e David Pérez, director da intervención arqueolóxica desde este concello ourensán.

A participación do alumnado de Historia nesta actuación débese a un convenio marco e outro específico de colaboración no eido arqueolóxico asinados o pasado mes marzo entre a Universidade de Vigo e o Concello de Baños de Molgas. A colaboración contempla aspectos como a participación do Grupo de Investigación en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo no desenvolvemento de proxectos de investigación arqueolóxica (prospección, escavación, analítica e estudo de materiais, conservación-restauración, musealización, difusión e divulgación) no castro do Alto de Acea e a participación nas escavacións en réxime de prácticas oficiais de alumnado da UVigo.

O castro do Alto de Acea e a súa contorna, na parroquia de Santo Estevo de Ambía, constitúe un xacemento castrexo de forma elíptica (de 190×150 metros), emprazado nunha cima cunha altitude de 561 metros e sobre o río Arnoia, que marca a división entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía, tal e como se informa dende a Universidade de Vigo. Desde o ano 2017, no enclave véñense desenvolvendo anualmente por parte do órgano municipal intervencións arqueolóxicas baixo a dirección do arqueólogo e egresado da UVigo David Pérez. Coa sinatura do convenio posto en marcha entre a institución académica e o concello ourensán preténdese dar continuidade e pulo a estas tarefas.

 

Un dos momentos da visita de rerpresentantes do Concello de Baños de Molgas e da Facultade de Historia ao xacemento./ Foto: Duvi.

 

 A muralla

As escavacións que neste momento se están a levar a cabo neste castro son coordinadas entre o Concello de Baños de Molgas e a Facultade de Historia. “Coa nosa dirección e a participación de cinco alumnos de prácticas estamos a estudar o sistema defensivo da croa de Outeiro do Castro, onde se documentan os hórrea, estruturas de almacenaxe galaicas de uso comunal, para gardar o excedente agrario”, explica David Pérez.

Ata o de agora, sinala, “nesta campaña documentamos a muralla, coa cara exterior erguida sobre grandes lousas en disposición vertical, contendo o macizado de pedra do interior da mesma. Na cara interior, o paramento está máis traballado, coa cara apicoada e disposición lineal”. Toda a muralla, explica o arqueólogo, “asenta sobre a rocha nai como base de cimentación”. A estas características, o director da intervención engade que “o material non é moi produtivo, mais destacan algúns fragmentos con decoracións galaicas de círculos concéntricos, estampillados e incisións”.

Artigos relacionados

Back to top button