OurenseÚltima hora

O Etnolóxico de Ribadavia proxectará o documental “Entrar aos Vilares”, de Cibrán Tenreiro

O documental emitirase ás 20:30 horas e, ao remate, haberá un coloquio entre o público e os membros do equipo do documental

O Museo Etnolóxico de Ribadavia vai proxectar o vindeiro sábado, 7 de setembro, “Entrar aos Vilares”, documental dirixido por Cibrán Tenreiro, ás 20:30 horas.

Este documental versa sobre tres mozos que entren a unha parroquia de Guitiriz que descoñecen co encargo de realizar un documental sobre ela. Entón preguntan aos veciños tentando comprender a identidade do lugar seguindo unha cita de Charles Seignobos que leron na universidade:

“Lamento non ter podido tratar máis que unha maneira moi incompleta os feitos da vida cotiá, alimentación, vestido, habitación, usos de familia, dereito privado, diversións, relacións de sociedade, que construíron o principal interese da vida para a enorme maioría de individuos”.

Tentan vincular o que aprenden á súa propia identidade e ás súas propias experiencias, sendo da primeira xeración das súas familias que non naceu na aldea. E cuestionan o resultado: non queren dar outra visión nostálxica do rural pero non teñen claro se o conseguen; pasean por leira e casas abandonadas, xogan, distráense mirando aos animais e desvíanse das súas propias intencións como se estiveran facendo un vídeo doméstico.

Producido pola Asociación da Terra Chá Lareira de Soños ao redor da parroquia do poeta Xosé María Díaz Castro. O filme foi finalista da XII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Compostela en tres categorías (mellor filme, mellor produción galega e premio do público).

A proxección contará con membros do equipo de realización que manterán un coloquio co público asistente.

Artigos relacionados

Back to top button