DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Eva Arias involucra a Valdeorras nunha carreira a favor dos dereitos da muller

A atleta vilamartinesa realizaba un percorrido reivindicativo, acompañada por corredores e ciclistas, dende Petín ata O Barco na tarde

Con multitude de cintas de cor violeta nas mans e precedida por atletas de todas as idades, dende nenos ata maiores, Eva Arias entraba sorrindo na praza do Concello do Barco na tarde do 8 de marzo. Facíao cumprindo exactamente o horario previsto: ás 19:50h. Alí era recibida polo concelleiro de Servizos Sociais barquense, Orlando Saavedra.

Deste xeito concluía unha singular e reivindicativa carreira a favor da muller que se iniciaba ás 17:30h. diante do Concello de Petín. Facíao cun dorsal no que podía lerse “Polos nosos dereitos”. Despois, acompañada por outros corredores/as e tamén por ciclistas, dirixíase cara A Rúa, onde facía unha parada tamén no Concello para recibir de mans do alcalde, Luis Fernández, e da concelleira Ana Vizcaya as cintas de cor violeta con diversas mensaxes escritas polas persoas participantes na concentración celebrada ao mediodía. O mesmo sucedía ao chegar a Vilamartín, onde recalaban os corredores en torno ás seis e media da tarde.

A partir de aí empezaba a recta final do traxecto. Na rotonda do Barco uníanse novos corredores e ciclistas e así entraban na vila pasadas as sete e media en dirección á praza do Concello. Unha vez alí, e sen soltar os lazos violetas, Eva, cunha gran satisfacción, recibía un sinfín de saúdos e felicitacións. Despois súmabase á concentración convocada ás oito da tarde na vila polos sindicatos. No percorrido desta singular carreira a favor da muller contaba co apoio de Protección Civil de Petín, A Rúa e Vilamartín.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella.

Máis fotos:
https://osil.info/atleta-eva-arias-comeza-sua-carreira-prol-da-muller-petin/
https://osil.info/lazos-violetas-cancions-na-segunda-concentracion-dia-da-muller-no-barco/

Artigos relacionados

Back to top button