
As fases e encontros de ligas nacionais por clubs veñen de rematar, tanto en división de honra como en primeira división, na pasada fin de semana, deixando resultados moi positivos para os atletas valdeorreses. No caso da división de honra o único podio valdeorrés viña da man de Leticia Gil (Alcampo Scorpio 71), que se clasificaba terceira en lonxitude en Zaragoza, cun salto de 6,39 m, o que a sitúa segunda do ránking nacional nesta disciplina. Con ese rexistro vén de superar ademais o récord galego absoluto que ela mesma tiña.
Ademais o martelista barquense Carlos Revuelta (A.D. Maratón) era cuarto, cunha marca de 61,37 metros, en Soria.
Xa na primeira división, a vilamartinesa Eva Arias (Sociedade Ximnástica de Pontevedra) facíase co ouro en Valencia na proba dos 3.000 m obstáculos, cun tempo de 10:44.73. Esta é ademais a súa terceira vitoria consecutiva, é dicir, ganou nas tres xornadas da liga de clubs.

Por outra banda, en primeira división masculina o barquense José Fernández Nieves (R.C. Celta), quedaba oitavo nos 5 km marcha en Santander.
Finalmente, o equipo feminino do Adas do Barco clasificábase quinto nos encontros de fase de ascenso á primeira división.