
Esta fin de semana celebrouse na piscina Rosario Dueñas, do Pavillón dos Remedios de Ourense, a I Spanish Cup Campionato de España individual xuvenil, júnior e absoluto de salvamento e socorrismo que reuniu a 228 socorristas repartidos en 112 equipos de España, Mauritania, India e Guinea-Bissau.
Nesta competición celebráronse na xornada do sábado e do domingo as probas de 200 metros natación con obstáculos, 100 metros combinada de salvamento, 100 metros remolque maniquí con aletas, 100 metros socorrista, 50 metros remolque de maniquí e 200 metros súper socorrista.
O club ourensán Salvour, que colaborou coa Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo na organización, participou con dous dos seus mellores deportistas: Roi Naranjo Estévez e Eva Feijoo Gómez. A socorrista absoluta Eva Feijoo fíxose coa medalla de ouro na proba de 200 metros natación con obstáculos cun tempo de 02:16:77 e alcanzou unha cuarta posición en 100 metros combinada de salvamento cun tempo de 01:18:24. Roi Naranjo non puido clasificarse para as finais.
