Un home era evacuado esta tarde en helicóptero medicalizado tras sufrir unha caída nunha pista forestal no concello do Carballiño. “A alerta entrou na central do 112 Galicia a través da chamada dun particular, ás seis e media da tarde. Nesta, a persoa requería asistencia sanitaria para un home que acababa de caer da súa bicicleta, no medio do monte, e perder a consciencia no golpe”, tal e como informa o 112 Galicia.
De inmediato, os xestores do CIAE-112 alertaron aos axentes da Garda Civil e da Policía Local, aos Bombeiros e membros de Protección Civil do Carballiño e ao 061. “Pouco despois, os servizos sanitarios confirmaron que o helicóptero medicalizado con base en Ourense, se desprazaba para a zona forestal situada entre os lugares de Cimadevila e Fonteantigua. Finalmente, o 061 confirmou que o home foi trasladado en helicóptero ao hospital de referencia”, segundo o 112 Galicia.
Tres feridos nun accidente de tráfico en Bande
Tamén esta tarde, ao fío das 18h. producíase un accidente de tráfico entre dous vehículos na estrada OU-540 sobre o punto quilométrico 35, no municipio de Bande. Ata o lugar desprazábase a Garda Civil de Tráfico.
Ademais os operadores do Centro Integrado do Atención ás Emerxencias de Galicia deron aviso aos Bombeiros e aos membros de Protección Civil da Mancomunidade Terras de Celanova e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061. Tamén, membros do GES de Muíños formaron parte do operativo. Finalmente, segundo a información facilitada ao 112 Galicia, resultaron feridas tres persoas.