OurenseÚltima hora

Evacuado un veciño da rúa Lonia de Arriba, en Ourense, da vivenda na que se orixinara un incendio

 

Unha patrulla da Policía Local do Concello de Ourense acudía de urxencia ao Nº6 da rúa Lonia de Arriba, ás 1:47h. da pasada madrugada, por un posible incendio nunha casa de 2 plantas. “Alí comprobaron que saía fume desde unha fiestra do piso inferior e aínda que non respondía ninguén no interior, os axentes sospeitaban que podería haber moradores e golpearon repetidamente a porta de entrada até que conseguiron abrila”, explican dende o Concello.

Unha vez dentro, localizaron na cociña o posible foco do incendio, e evacuaron ao único residente. “O home, de 39 anos, baixaba as escaleiras desde a planta superior, tras espertar grazas aos gritos e aos golpes na porta de entrada por parte dos axentes. A continuación, os efectivos do servizo de extinción de incendios puideron sufocar o lume, que efectivamente se orixinara na cociña”.

O morador foi asistido por unha ambulancia no lugar dos feitos e trasladado para valoración por unha posible inhalación de fume, que aparentemente non reviste gravidade. Instruíronse dilixencias xudiciais.

Artigos relacionados

Back to top button