ConcellosO BarcoSen categorizarÚltima hora

Evacúan tres vivendas no Barco polo fume provocado por unha tixola ao lume

Na madrugada deste mércores 3 de maio tiñan que ser evacuadas tres vivendas no Barco de Valdeorras por unha tixola ao lume.

Segundo informan dende o 112 Galicia ninguén resultou afectado neste suceso que tiña lugar nun edificio da rúa Penas Forcadas minutos antes das 2 horas. De feito, “só ardeu o aceite dunha tixola, pero o fume resultante espallouse tanto pola vivenda na que se orixinou como polos dous pisos superiores”, puntualizan.

Os servizos de extinción encargáronse de ventilar os domicilios afectados, “mentres que os seus ocupantes foron evacuados por precaución”, aseguran dende o 112, engadindo que os servizos sanitarios desprazaron unha ambulancia ata o lugar, “pero ninguén precisou ser trasladado”.

Neste operativo participaron, ademais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o GES Valdeorras, os Bombeiros e a Garda Civil.

Tamén acudiu “un técnico da empresa subministradora do gas, xa que os particulares que informaron aos axentes da Guardia Civil explicaron que notaran un forte cheiro a gas. Os Bombeiros realizaron as comprobacións necesarias nos domicilios e comprobaron que todos os valores deron negativos”, conclúen dende o 112 Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button