Coa apertura da tempada de verán, o hotel NH Ourense decidía organizar na súa terraza, a única da cidade situada na azotea dun edificio, unhas xornadas gastronómicas en colaboración con Cervezas Alhambra, convidando a cociñeiros da provincia para exhibir unha boa variedade de pinchos.
Un deses convidados era Tomás Mendigutía de la Cruz, cociñeiro do gastro&restaurant Eitzaga no Barco de Valdeorras, que na tarde-noite deste martes 29 de xuño conquistaba ao público coas súas exquisitas creacións.
A idea era elaborar 100 pinchos pero Tomás e o seu segundo de cociña, Vanesa Muñoz Tejeda, elaboraron máis de 200, “e iso que nos avisaron con moi pouca antelación”, di Tomás, explicando que na terraza prepararon cinco pinchos diferentes (preelaborados xa na cociña de Eitzaga sito na rúa Abdón Blanco do Barco), dous fríos, un temperado (vexetariano e sen glute) e dous quentes.
En frío, as propostas de Eitzaga para esta ocasión foron: ensalada de bogabante, zamburiñas, mango, calabacín e mazá; e tartar de atún vermello con leite de coco e millo frito. Para todos os públicos Tomás e Vanesa prepararon un taco vexetariano con base de vienesa, boniato asado e salteado con mantequilla de allo, con dous tipos de salsa e decorado con brotes de alfalfa e soja.
Os pratos fortes, xa quentes, foron un volován con crema de allada na base, escamas de pementón e polbo rustido en mantequilla de Pementón de la Vera; e un brioche marcado con mantequilla de allo con carne mechada de Porco Celta cuberto con pico de galo e cebola encurtida.
Tal como explica o propio cociñeiro as cinco propostas tiveron unha boa acollida, aínda que o vexetariano foi dos que máis gustou. “Houbo moita xente dende as oito da tarde que abriron ata as once da noite e todos querían probar e pedían un de cada”, di recoñecendo que foi unha experiencia moi positiva, e está contentos de ter participado.
Fotos cedidas.