Unha semana antes do inicio da tempada de pesca continental e, tal como veñen facendo dende hai uns anos, un grupo de voluntarios convocados dende o club Spinning Valdeorras, participaban na mañá deste domingo 9 de marzo na limpeza colectiva de plásticos á beira do río Sil, ao seu paso por Vilamartín.
En total xuntábase unha quincena de persoas, a maioría pescadores, que recollían unha gran cantidade de lixo porque é moito o que hai. “Isto é unha mina de plástico”, din dende o club, lembrando que “hai empresas que se benefician das augas polo que o mínimo que deberían facer por estancar isto, é limpar. Isto non se fai nun día, é a base de moito acumular”, din, destacando a gran cantidade de plástico, microplásticos e mesmo porexpan rodeado de herba que atoparon.
Por iso, malia estar contentos coa éxito da convocatoria, fan un chamamento á concienciación. “Non pode ser esa concentración de plásticos en tan pouco espazo, é un crime medioambiental”, aseguran, facendo un chamamento tanto á hidroeléctrica como á confederación “que son os que xestionan a auga do Sil, para que o ano que vén nos boten unha man e polo menos nos preparen o acceso para poder entrar a limpar porque iso é un desastre”.
Dende Spinning Valdeorras dan as grazas aos voluntarios e tanto ao Concello de Vilamartín por desbrozar e axudar na recollida, como ao Club Fluvial O Barco que tamén colaborou este ano.
Fotos e vídeos cedidos.