En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Exitosa xuntanza de ex xogadores do CD Barco polo 50 aniversario do club

Preto de 140 persoas vinculadas ao Centro de Deportes Barco participaban nos actos organizados polos veteranos

 

Emoción, alegría, entusiasmo, euforia,… Son algunhas das emocións que se sentían na mañá deste sábado 23 de setembro no campo municipal de Calabagueiros, primeira parada da xuntanza organizada por antigos xogadores do CD Barco. Unha xornada de reencontros, de emoción e de lembranzas ligadas ao intenso médio século de historia do CD Barco para os xogadores que ao longo destes 50 anos pasaron polo club, nas súas diferentes categorías.

 

Parte do equipo xuvenil que ascendeu á liga galega no 93/94.
Xogadores que estiveron máis de 8 anos no club.

 

Pasadas as 11 comezaban a chegar ao campo as preto de 140 persoas que confirmaban a súa asistencia. Foron meses de traballo por parte da organización, principalmente para conseguir os contactos e despois para convocar á xente e conseguir que viñeran pero hoxe por fin celebraban unha gran festa.

 

Fundadores do club na tempada 73/74.
Ascenso a Terceira na tempada 81/82.

 

Non están todos os que son pero si son todos os que están e o de hoxe é un día no que se xuntan varias xeracións de xogadores. Moitos da comarca, outros moitos de Ponferrada e tamén doutros lugares de España que lembraban sobre o céspedes os seus momentos de gloria. “Facía falta algo así”, dicía un; “para o 60 aniversario hai que repetir”, dicía outro; “que despois de 46 anos se acorden de min é moi emocionante”, dicía un terceiro.

 

Copa Deputación 1981.
Porteiros.

 

No campo, onde eran recibidos pola organización e tamén polo concelleiro Jesús Jares en respresentación do Concello, compartían unha petiscada, acompañada de viños e cervexas, despois de facer as fotos de rigor coa camiseta conmemorativa entregada a cada un dos asistentes.

 

Equipo de Éntoma.
Ascenso a Preferente en 2010.

 

A continuación, os participantes, coa camiseta posta, dirixíanse camiñando ata o inicio da avenida Conde Fenosa (no cruce coa rúa da Estación) para visitar a exposición de copas e trofeos do CD Barco instalada no escaparate do antigo Miranda Moda. Despois continuaban cara o Teatro Lauro Olmo para rememorar a historia do club a través dunha proxección de vídeo que recollerá imaxes das diferentes etapas e momentos do CD Barco, así como unha exposición de fotografías.

 

 

A xornada continúa arestora no pavillón vello no xantar que será servido por Mantesil. A sobremesa, cargada de conversas de seguro que se alongará ata a tarde, na que o programa continuará cunha “fin de festa” que terá como escenario a praza Maior do Barco.

 

 

Esta exitosa xuntanza foi iniciativa do ex xogador Roca e outros compañeiros do club como Castro, Tano, Roberto, Blanco e Marcos.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button