ConcellosÚltima hora

Exitoso “Concerto das Letras” no Barco, tributo a Florencio e ao exilio mexicano

O quinteto Zoar, acompañado pola soprano Clara Jelihovschi Panas, convertía esta actuación nun encontro entre música e poesía

 

Música e versos no Teatro Lauro Olmo do Barco para homenaxear ao poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán na véspera do 17 de maio. O seu escenario acollía na tarde deste luns o “Concerto das Letras Galegas”, da man do quinteto de vento Zoar, cun programa centrado na figura do autor valdeorrés, pero tamén no colectivo que formou parte do exilio mexicano, que se iniciaba coa peza “Zarabanda” de Adolfo Salazar (1890-1958).

A continuación, Dolores Vilavedra, membro do Consello da Cultura Galega, subíase ao escenario para presentar este concerto que reunía a unha ampla e diversa representación da cultura e sociedade de Valdeorras, ademais de á familia de Florencio Delgado Gurriarán e a responsables da administración galega, como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como a alcaldes da comarca e outros representantes valdeorreses na política galega e nacional.

“Hai uns meses cando a Real Academia Galega escolleu a Florencio Delgado Gurriarán en sesión plenaria como protagonista do Día das Letras Galegas 2022, a institución non podía imaxinar ata que punto a súa figura ía resultar dolorosamente actual, nestes tempos revoltos nos que a historia semella teimar en reescribir os seus capítulos máis nefandos”, dicía Vilavedra, resaltando ademais que o legado deste poeta valdeorrés “deita luz sobre un exilio non demasiado coñecido, o mexicano, no que se escribiu un capítulo non menor da historia europea. No seu día México deu ao mundo unha lección de afouteza ética e política ao acoller unha parte significativa do exilio republicano galeguista cando outros países miraban para outro lado”.

Décadas despois, proseguía Vilavedra, “a vida e a obra de Florencio despréganse ante nós, cidadáns e cidadás dunha Europa privilexiada, como unha radical interpelación, no artístico e no moral, como o recordo inapelable de que segue a haber valores que é preciso defender e que todas e cada unha das conquistas da nosa civilización son perecedoiras se non poñemos a nosa intelixencia e o noso corazón ao seu servizo incondicional e ao de calquera ser humano que, como Delgado Gurriarán no seu día, se vexa obrigado a deixar a súa terra”.

Tras a súa intervención, o quinteto Zoar regresaba ao escenario para interpretar, xunto á soprano moldava Clara Jelihovschi Panas, “Seis pezas pra canto e piano” de Jesús Bal y Gay (1905-1993), sobre textos de Amado Carballo. Logo soaba “Muiñeira das vellas” de Rodolfo Halffter (1900-1987).

 

 

O programa do concerto

Deste xeito o programa do concerto reunía a tres músicos, dous mexicanos e un galego, que se coñeceron en Madrid e que se reencontraron en México, onde seguiron colaborando, en particular na creación da revista Nuestra Música.

Ademais completábase con outras pezas que constituían unha chiscadela á cultura local, como é “Aureana do Sil”, de Federic Mompou, a partir dun texto de Ramón Cabanillas, e na que participou moi activamente o ourensán Antonio Fernández-Cid. Se ben o punto central da actuación chegaba coa estrea absoluta de Diásporas, composta por Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996), que partiu de catro textos do homenaxeado, “Xacarandá”, “Volta”, “Enamórame o feitizo do tesouro” e un extracto de Galicia infinda de Delgado Gurriarán, para envolver ao público con ese soño da Galicia infinda da que falaba Florencio. Unha proposta contemporánea, na voz da soprano moldava Clara Jelihovschi Panas.

Uns rolos de papel descolgados desde o teito, deseñados por Ana Inés Jabares-Pita, as luces de Octavio Mas Ibáñez e as proxeccións de videoarte de Masako Hattori crearon unha atmosfera envolvente e suxestiva. O Concerto das Letras Galegas finalizaba ás 21:30h. coa interpretación do himno galego.

Concerto das Letras Galegas

O Consello da Cultura Galega organiza desde o ano 2010 este concerto institucional que constitúe a antesala festiva do día grande das letras galegas. Comezou en Santiago de Compostela nunha edición que recuperaba a figura de Lois Pereiro. Volveu a esta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. En Pontevedra realizáronse tres edicións, para lembrar a Valentín Paz-Andrade, Xosé Filgueira Valverde e María Victoria Moreno.

O concerto estivo en Lugo no ano 2014 para lembrar a Díaz Castro, na Coruña no ano 2016 honrando a Manuel María e un ano despois foi a Ourense coa figura de Carlos Casares. Este mesmo ano tivo unha segunda edición en Santiago. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela. En 2021 o concerto tivo lugar en Vigo co hip-hop de Laura LaMontagne&Pico Amperio para homenaxear a Xela Arias.

Programación do Día das Letras Galegas 2022

O Concerto das Letras Galegas é unha das actividades centrais que o Consello da Cultura Galega prepara cada ano en relación coa persoa homenaxeada cada 17 de maio. Non é a única, xa que cada ano publica, en edición facsimilar, un texto relevante da figura elixida para a ocasión. Neste 2022, editou o Cancioneiro da loita galega, unha obra publicada polo Partido Galeguista en México en 1943 na que Florencio participa como autor e na que na tamén están un amplo grupo de poetas que escriben desde a clandestinidade.

O libro de homenaxe conta cun estudo de Xesús Alonso Montero, que o definiu como “un corpus poético con textos elexíacos, patrióticos, de combate e de denuncia”, e unhas notas de Ricardo Gurriarán. Ademais, o Consello da Cultura Galega xunta nun web toda a información producida pola institución sobre Florencio e sobre o exilio mexicano (coa incorporación no Álbum de Galicia de diferentes entradas como a de Ramiro Illa Couto, a súa muller Chita Lamas Barreiro e moitos outros).

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button