Cunha gran afluencia de público e a presenza do alcalde do Bolo Alberto Vázquez, o párroco José Antonio Requena e o director da Axencia de Turismo de Galicia, na tarde deste sábado 3 de agosto tiña lugar a terceira actividade conmemorativa dos 400 anos do inicio de construción do Santuario de Nosa Señora das Ermidas, no concello do Bolo.
No propio templo e diante dun cento de persoas, o músico e compositor galego Xoán Curiel presentaba en directo o seu novo traballo discográfico, Treides comigo! un traballo de madurez que bebe da lírica medieval galego-portuguesa dende unha mirada contemporánea.
Foi pois un concerto rico en matices con músicos de gran nivel da música clásica, do folk e das músicas do mundo (Xoán Curiel, guitarras e voz; Iris Gey, voz; Virginia Lis, clarinete, Álex Salgueiro, frauta traveseira e frautas; Carlos Freire, percusión; e Ariel Ninas, zanfona), no que se interpretaron cantigas actualizadas de diferentes trobadores da lírica medieval galego-portuguesa (séculos XII a XIV) e dos Camiños de Santiago.
Fotos cedidas.