A RúaConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

Exitoso ‘Got Talent’ na Rúa Vella, o particular concurso de talentos das Festas de San Roque

A novidosa e divertida iniciativa da Asociación Sabugueiro contou con 15 participantes e moito público na praza César Conti

 

A comarca de Valdeorras e toda a bisbarra é terra de grandes talentos. De aquí saíron escritores, directores de cine, cantantes, actores e mesmo modelos, e na noite do 18 de agosto quedaba de novo demostrado no espectáculo celebrado na praza César Conti da Rúa.

No marco das Festas de San Roque e da man da Asociación Sabugueiro, celebrábase este ano a primeira edición do seu particular ‘Got Talent’, un concurso de talentos dirixido a todos os públicos que tivo unha gran acollida, con ata 15 participantes de diferentes idades e talentos que amosaron toda a súa arte diante do público e tamén do xurado.

 

Unha das actuacións.

 

Coma se do concurso de Tele5 se tratara, David Pérez meteuse no papel de presentación, dando paso fóra de concurso a unha espectacular actuación de Rigoberta. A partir de aí foron pasando polo escenario os concursantes, mozos deo Bierzo, da Rúa, do Barco,… que cantaron, bailaron, tocaron o piano e ata fixeron malabares. Uns con máis carisma que outros pero todos merecedores de sonoros aplausos.

No decurso da gala sorteáronse unha cesta e un estuche de viñño donados por Mapfre, Danzalia e Adega Alan de Val.

O programa das Festas de San Roque continúan hoxe, coa actuación a partir das doce da noite no campo de San Roque, de Danzalia Disco Show.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button