SanidadeÚltima hora

Expertos en ictus insisten na necesidade de avanzar no tratamento deste mal

Esta conclusión tirouse na Primeira Xornada do Dano Neurolóxico celebrada por COSAGA onte no Salón Marie Curie do Campus de Ourense
A xornada levouse a cabo no Campus de Ourense.

A I Xornada de Dano Neurolóxico “O ictus e a familia”, organizada polo Hospital da Cooperativa Santaria de Galicia -Hospital COSAGA e NeuroBurgas-, pechou onte con case 400 inscritos e coa conclusión final da necesidade de avanzar na abordaxe e coordinación integral e trandisciplinar desta patoloxía dende un punto de vista médico, social e familiar.

A xornada levouse a cabo no Salón Marie Curie do Campus de Ourense da UVigo. O encargado de abrila foi o xefe da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Dionisio López Bellido, que destacou a importancia desa abordaxe “integral dun dano neurolóxico como é o ictus para que as secuelas sexan mínimas e a recuperación rápida e a mellor”.

O primeiro módulo da xornada, moderado polo director médico do Hospital Cosaga, Román Rodríguez, puxo o foco na diagnose e o tratamento do ictus. O primeiro en intervir foi Jesús Priego, do servizo de Medicina Intensiva do CHUO. O doutor Priego Sanz explicou o protocolo do coñecido como “Código Ictus” e enfatizou a importancia deste protocolo, “porque o tempo de reacción fronte ao ictus é fundamental para evitar secuelas, discapacidades severas e falecementos”, baixo a premisa “tempo é cerebro”.

O doutor Manuel Arce, especialista en radiodiagnóstico, explicou o importante da diagnose por imaxe “para primeiro confirmar o ictus e valorar a súa extensión”. Este experto analizou, tamén, as diferentes técnicas existentes -TAC e RM- para abordar a diagnose. O encargado de pechar o primeiro módulo foi o enfermeiro Rubén Armesto, da Unidade de Neurocirurxía do CHUO, que asegurou que desglosou o labor da enfermería nos casos de ictus “que han de estar sempre en alerta ante complicacións potenciais e saber informar a posteriori ao paciente e á familia do manexo de medicación e dos autocoidados”, dixo.

O segundo módulo da I Xornada de Dano Neurolóxico, “Abordaxe terapéutica e transdiciplinar do ictus”, estivo moderado por Fernando Villarino Rodríguez, codirector de Neuroburgas, e contou coa presenza do doutor Delfín Castro Campos, codirector de Neuroburgas e profesor da Universidade Pontificia de Salamanca; Serafín Ortigueira, profesor asociado da Universidade da Coruña; e Anxo Burrel Botaya, psiconeuroinmunólogo e fisioterapeuta, e profesor da Universidade Pontificia de Salamanca.

O evento contou cun total de 400 asistentes.

O doutor Castro Campos analizou as novas perspectivas da Unidade de Dano Cerebral na prevalencia do ictus en Ourense, e afirmou que esta patoloxía “ha de manternos en alerta constante e evolución permanente para lograr o obxectivo dunha abordaxe integral”. A Unidade, explicou, a primeira das súas características en Ourense, púxose en marcha este mesmo ano despois de que o Hospital Cosaga e Neuroburgas unisen forzas. Constituída por especialistas que prestan xa servizos dentro de Cosaga, e polo equipo de NeuroBurgas, especializado en rehabilitación neurolóxica, a unidade responde a unha demanda histórica na
cidade de Ourense, e confórmaa unha unidade hospitalaria; servizo de neuroloxía; neurocirurxía; medicina interna; fisioterapia neurolóxica; fisioterapia acuática; neuropsicoloxía ; terapia ocupacional; neurologopedia; integración sensorial; e todo o relacionado co diagnóstico por imaxe máis avanzado (RMN, TAC, ECO).

Sarafín Ortigueira e Anxo Burrel puxeron o acento na importancia de poñer en marcha un programa de exercicio terapéutico no paciente que sofre un ictus, e na estreita relación que ten a alimentación co dano neurolóxico, unha circunstancia que tamén destacou na apertura da xornada o xerente da EOXI Ourense-Verín-Valdeorras, o doutor Dionisio López Bellido.

O terceiro e último módulo centrouse na intervención social e familiar no ictus. Moderada por Sandra Quintana Caseiro, a secretaria da Fundación Neuroburgas, contou coa presenza de futuros profesionais do CIFP da Carballeira, quen trasladou ao público asistente a importancia do traballo do auxiliar de enfermería coas persoas dependentes, así como o manexo de cargas e os coidados do fogar para facer fronte á nova situación.

O impacto familiar

A mesa deste terceiro módulo contou tamén con Zeltia Veiga Roca, neuropsicóloga e terapeuta familiar na Fundación Neuroburgas, que abordou un dos temas máis complexos da xornada como é a resposta da familia e o impacto na mesma do ictus. Veiga Roca ofreceu algunhas claves para afrontar esta situación e situar á familia como auténtico motor terapéutico. O doutor Rubén González Rodríguez, profesor da Universidade de Vigo especialista en traballo social e servizos sociais, pechou as intervencións desta última mesa enmarcando o traballo social no sistema para a autonomía e a atención á dependencia.

Tanto o Hospital Cosaga como Neuroburgas puxeron en marcha estas xornada con vocación de continuidade, e co obxectivo de achegar a persoal sanitario e non sanitario a importancia dun traballo coordinado e transversal no tratamento do dano neurolóxico.

Artigos relacionados

Back to top button