SanidadeÚltima hora

Poranse en marcha unidades de ictus en Ourense e Lugo que tratarán patoloxías que ata agora se derivaban a outros centros

 

A Xunta de Galicia traballa na posta en marcha de dúas unidades de ictus en Ourense e Lugo, que posibilitarán o tratamento de patoloxías que ata o momento se derivaban a outros centros sanitarios. Así o sinalaba hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na inauguración dunha xornada informativa sobre a actualización da asistencia ao ictus en Galicia, acto ao que tamén asistiu o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal. Estas unidades, que xa contaban con equipos de ictus, poderán realizar trombectomías.

O conselleiro detallou que para posibilitar a habilitación destas unidades, a Xunta adquiriu, por case 2,5 millóns de euros, dous equipos de neurorradioloxía intervencionista. Tamén destacou que para acoller estes equipos, o Sergas fixo unha serie de obras que, no caso de Lugo, supuxeron a adaptación das salas de neurorradioloxía, cun investimento de máis de dous millóns de euros.

Respecto do hospital universitario de Ourense, Comesaña dixo que o proxecto de orzamentos da Xunta para o vindeiro ano conta cunha partida de 4,3 millóns de euros para a obra dentro deste hospital das novas salas de cardioloxía intervencionista (hemodinámica) e radioloxía intervencionista; obras que permitirán habilitar instalacións definitivas para os novos equipos, adquiridos en 2023, e que comezan a funcionar en localizacións provisionais. Entre eles, alí terá a súa localización definitiva o equipo de neurorradioloxía.

Nesta xornada celebrada hoxe presentouse a actualización do Plan de asistencia ao ictus en Galicia que, -segundo remarcou Comesaña-, xorde dos últimos avances no diagnóstico por neuroimaxe e das melloras no tratamento endovascular. Ao respecto, o conselleiro felicitou á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas por este documento, así como aos integrantes do grupo de traballo formado, entre outros, por facultativos especialistas en neuroloxía, radiodiagnóstico, persoal de enfermería, de urxencias hospitalarias e do 061.

Este novo documento parte do Plan de asistencia ao ictus que se implantou no 2016 e, dende entón, -remarcou o conselleiro-, activáronse 15.332 códigos ictus e rexistráronse 3.072 fibrinólises intravenosas e 2.070 trombectomías mecánicas.

Esta actualización recolle algúns cambios significativos entre os que destaca a ampliación da ventá terapéutica, grazas aos avances nas técnicas de neuroimaxe, que implicará un aumento do número de pacientes que se poderán beneficiar dalgunha terapia recanalizadora. Trata de axustar o manexo terapéutico dos doentes desde o momento inicial da asistencia á mellor evidencia científica e volcar a experiencia destes anos nunha mellor coordinación entre todos os axentes implicados na asistencia. Estas novidades, -subliñou Comesaña-, están encamiñadas a aproveitar todos os recursos dispoñibles no Sergas.

“Un problema de saúde prioritario”

O responsable da sanidade pública galega incidiu en que a patoloxía cerebrovascular é a primeira causa de mortalidade en mulleres e a segunda en homes, cunha incidencia anual duns 200-250 casos novos por 100.000 habitantes e unha taxa de mortalidade de 24-84 mortes por 100.000 habitantes. Ademais, é a primeira causa de discapacidade permanente na idade adulta.

Debido á enorme repercusión desta patoloxía nas familias e na súa contorna, Comesaña destacou que o seu departamento considera o ictus como un problema de saúde prioritario, tal e como se recolle na Estratexia Sergas 2020.

O conselleiro finalizaba a súa intervención incidindo en que a coordinación de todos os profesionais e axentes implicados na asistencia ao ictus é clave, xa que un tratamento a tempo pode evitar unha morte ou unha discapacidade severa, e volveu reiterar as grazas aos profesionais da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, dos hospitais, de atención primaria, do 061, e de todas as estruturas e institucións implicadas no deseño, desenvolvemento, posta en marcha e a actualización deste plan.

Artigos relacionados

Back to top button