Moi activa estará a fin de semana da ponte de decembro en Rubiá coa I Festa da Matanza, a instalación do “Mercadillo de Nadal” na praza do Concello e actividades complementarias, dirixidas aos cativos (obradoiros) e ao público en xeral.
O pasado Nadal a Casa da Cultura acollía unha exposición de xoguetes dos anos 70 e 80 e mesmo anteriores, de José Ramón Moral Zamanillo, un coleccionista con raíces en Rubiá por parte paterna que este ano exporá unha mostra de “beléns e misterios (o Neno Xesús, a Virxe María e San Xosé)”.
A exposición estará aberta durante o Nadal podendo visitarse os sábado e domingos de decembro así como o sábado 4 e o luns 6 de xaneiro de 18 a 20 horas, aínda que a inauguración será o sábado día 7 de decembro ás 18 horas polo que dende o Concello convidan á xente que vaia ao mercadiño a pasarse tamén por alí. “É unha colección importante, formada polos 52 beléns que ten José Ramón e uns 15 cedidos para a exposición por María del Carmen Núñez Fernández de Rubiá, da súa colección privada”, explica a concelleira de Cultura, Laura Iglesias, destacando que para as visitas en grupo é necesario pedir cita no Concello.