CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

“Extruga na Rúa” celebra o seu quinto aniversario en Verín con 3 días de música e arte urbana

Presentación do festival./ Foto: Concello de Verín.

 

A vila de Verín está a piques de vivir con entusiasmo a quinta edición do festival urbano “Extruga na Rúa”. Este ano, o evento chega cun cartel de primeiro nivel encabezado pola emblemática banda de reggae Green Valley e co destacado rapeiro Elio Toffana, acompañados dun elenco de talentosos artistas como HUDA, Mondra, Another Wasted Year, Overdose, Burgas, Twentyfour Seven’s, DJ PIKI e Deriva. Así o destacaban esta mañá os organizadores, Hugo Salgado, Iris Justo e Antonio Álvarez quen acompañados da concelleira de Cultura e Festexos, Samanta Barreira e do tenente de alcalde, Diego Lourenzo presentaron ante os medios a programación do evento.

Durante tres xornadas os lugares máis emblemáticos de Verín converteranse en escenarios de infinidade de actividades. A Praia Fluvial, A Preguiza e o Skatepark acollerán a celebración do 25 ao 27 de agosto. Ademais dos vibrantes concertos, o festival ofrecerá un abano de actividades que van desde Slidepool na praia fluvial ata talleres de breakdance na Praza Maior de Verín. Como cada ano, a Batalla de Gallos promete un enfrontamento de mcs talentosos nun duelo verbal pola coroa de mellor freestyler. Os amantes do teatro terán a oportunidade de participar nun envolvente obradoiro impartido por Kotodama, mentres que a Liga Xunta Break de Galicia, organizada por Vella Escola, promete momentos emocionantes de competición.

Coa diversidade e o talento nacional como enfoque, a iniciativa Batalla de Promesas dará oportunidade a numerosos artistas de todo o territorio para amosar a súa paixón e habilidades sobre o escenario. O domingo, o Skatepark converterase nun epicentro deportivo co emocionante encontro de BMX e scooters, que culminará cun electrizante concerto de Deriva, cuxo membro local engadirá un toque especial á xornada.

Extruga na Rúa, explicou Samanta Barreira, concelleira de Cultura de Verín, “é un evento único que destaca pola súa diversidade artística e enerxía contaxiante. Estamos entusiasmados de celebrar o quinto aniversario deste festival que continúa a enriquecer a nosa comunidade coa súa música, baile e creatividade”.

Pola súa banda, o tenente de alcalde Diego Lourenzo Moura. Quixo agradecer «o gran esforzo realizado polos seus organizadores para lograr darlle vida a este evento» e invitou a veciños e visitantes a unirse á festa «e vivir momentos inesquecibles en Verín este agosto».

Programa do Festival

 

VENRES 25 DE AGOSTO Praia Fluvial

  • 16:30 Slidepool
  • 17:30 Batalla de Gallos

A Preguiza

  • 21:30 Twentyfour Seven’s
  • 22:15 Final da Batalla de Gallos
  • 22:45 Burgas Vandal
  • 23:30 Huda
  • 00:45 Elio Toffana
  • 02:00 Overdose X Extruga

SÁBADO 26 DE AGOSTO Praza Maior

  • 12:30 Obradoiro de Break Dance

 

A Preguiza

  • 16:30 Obradoiro de Teatro con Kotodama
  • 17:30 Liga Xunta Break
  • 20:30 Batalla de Promesas X Extruga
  • 23:00 Another Wasted Year
  • 23:45 Mondra
  • 01:00 Green Valley
  • 02:45 DJ PIKI

 

DOMINGO 27 DE AGOSTO Skatepark

  • 16:30 Xuntanza Deportiva
  • 18:00 Obradoiro de Rap
  • 21:30 Ceremonia de Premios
  • 21:45 Deriva

Artigos relacionados

Back to top button