ConcellosÚltima hora

Falece a centenaria Josefa Álvarez Quiroga, veciña do Barco e natural de Portela

Cedida.

 

Neste 11 de outubro familiares, amigos e veciños dábanlle o seu último adeus a Josefa Álvarez Quiroga, falecida no Barco aos 102 anos de idade o pasado 9 de outubro. Natural de Portela (Vilamartín de Valdeorras), casaba con Sixto Álvarez Álvarez e tiña dous fillos e dúas fillas. As súas vivencias da mocidade durante a ditadura quedaban recollidas da man da súa filla Charo Álvarez no libriño Memorias dunha nena da guerra.

Unha das súas biznetas, Sara Vecino Yáñez dedicáballe este texto de despedida a Josefa, que se reproduce integramente a continuación.

“Cando eu non esté non choreis, cantai”

Esta era a frase que repetías sempre que imaxinabas o día no que non estiveras, todavía non me creo que ese día chegara, ainda que no fondo sabía que o momento estaba preto.

Lembro que cando era pequena quedabas a coidarme as fins de semana para que os meus pais fosen de “viños” e o ir a cama dicíache “non me contes contos, cóntame as túas historias” porque como xa sabías, encantábame escoitarte falar da guerra e de cómo coñeceras o teu queridísimo Sixto.

Non tiveches unha vida doada, cando só eras unha nena comezou a guerra civil, tiveches que pasar de súpeto a ser unha muller. Levabas comida o teu irmán fuxido no monte, tiveches que aguantar ver cómo lle pegaban palizas o teu pai e como vos rapaban o pelo a túa nai, a túa irmá e incluso a ti.

Fuxiches a diferentes zonas de España da man da túa irmá maior. Cidades nas que traballaches coidando nenos e en diferentes fábricas para poder sair adiante, nada parecido a vida que se supón que unha adolescente debería levar. Ademáis da distancia cos teus pais tamén tiveches que aguantar non poder ver a aquel chico do que estabas tan namorada e que se acabaría converténdose no amor da túa vida.

Cando por fin rematou a guerra volveches velo, lembro que sempre contabas o guapo que viña de Cuba e que, ainda que daquela estaba con outra rapaza, axiña se decatou de que con quen valía a pena estar era contigo. Formáchedes unha fermosa familia da que ti tan orgullosa estabas e da que tanto presumías. Supoño que iso foi o que che diu a forza necesaria para seguir adiante durante 102 anos, a pesar de perder o teu marido e a un dos teus fillos.

Eras alegría pura e contaxíabasnos a todos dela. Agora mesmo teño lembranzas da túa “risa floxa” (como nós a denominábamos) cando Lucas se facía pasar por “o portugués” ou cando sabías perfectamente que algo malo me atormentaba e intentabas remedialo dicíndome “todo pasa”, sempre sentín que tiñamos unha conexión especial, desas que non tés con ninguén máis.

Non podo rematar isto sen mencionar o moito que che gustaba bailar, en todas as orquestras, charangas… daba igual. Paixón que transmitiches a túa neta Diana e que tanto te unía o teu marido Sixto. Cando él faleceu enterráchelo cos zapatos de baile para que o día que ti faltases puidésedes bailar xuntos. Ese día chegou e espero que bailéis tantos boleros, pasos dobres ou tangos como anos atrás bailáchedes, igual de felices. Iso sí, non vou negar que te imos botar moitísimo de menos e que contigo vaise unha parte de nós.

Es a máis guapa, a máis presumida, a máis mandona e a máis bailonga. Quérote sempre miña Josefita.

Sara Vecino Yáñez

Back to top button