ConcellosÚltima hora

Falece o empresario barquense Ángel Pérez Mayo

O seu funeral está previsto para o xoves 16 de xuño ás 18h. na igrexa de San Mauro no Barco

Ángel Pérez nunha imaxe tomada no despacho da súa empresa no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O empresario barquense Ángel Pérez Mayo falecía neste mércores 16 de xuño aos 88 anos de idade. Nacido no caso antigo do Barco, era unha persoa moi coñecida, afable e querida na comarca. El foi a segunda xeración do que hoxe é Anpema SL, unha das empresas barquenses máis veteranas, dedicada á instalación de montaxes eléctricas, cuxas orixes se remontan a 1922.

Ángel Pérez Mayo formouse en Valladolid e tiña pensado especializarse en Madrid nunha fábrica de motores, pero cando chegou á capital xunto co seu pai para incorporarse, éste falecía subitamente por un problema cardíaco. Isto supuxo o inmediato regreso de Ángel Pérez Mayo a Valdeorras para facerse cargo da empresa eléctrica familiar, na que daquela traballaban tres persoas.

“Estar preparado e sempre moi preto do meu pai valeume moito para desenvolver a empresa, el era unha persoa moi querida e aprezada”, comenta emocionado nunha entrevista concedida no 2019 ao Periódico O SIL. A partir de aí este barquense ampliou as súas actividades á industria e ao mantemento, de xeito especial a partir dos anos 60, a través dun acordo con Fenosa.

Ángel Pérez Mayo viviu sempre na rúa Real do Barco, onde tamén tiña a sede da súa empresa familiar. Casado con Pilar Bustillo Álvarez, tiña dúas fillas, Ana e Pilar. Tras a súa xubilación, hai 28 anos a súa filla menor, Pilar tomaba as rendas de Anpema, SL.

A capela ardente de Ángel Pérez Mayo está instalada no Tanatorio La Cruz, do Barco. Familia, amigos e veciños despediranse del nun funeral previsto para as seis da tarde do xoves 16 de xuño na igrexa de San Mauro. Posteriormente será o seu enterro no cemiterio municipal.

 

O empresario barquense Ángel Pérez Mayo./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button