
Co seu labor como estilista e perruqueiro Delio Dobao Arias (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras) marcaba un antes e un despois na profesión en Valdeorras. Entraba neste oficio a mediados dos anos 70 e xa nunca se desvinculou del, apostando pola aprendizaxe continua e a formación, sempre actualizándose e atento ás novas tendencias. Situábase deste xeito á vangarda e abría un camiño innovador na comarca a través de Dobao Peluqueros, establecemento situado na céntrica avenida Conde Fenosa do Barco. Foi ademais un dos primeiros perruqueiros galegos en lograr o recoñecemento da Xunta como mestre artesán.
Sempre amable e atento, Delio Dobao foi ademais unha persoa moi implicada no asociacionismo e na defensa da profesión, sendo delegado en Valdeorras da Asociación Provincial de Empresarios de Perruquería e Estética. De feito mesmo traballou na iniciativa de crear unha delegación desta entidade en Valdeorras, tal e como contaba nun artigo que publicaba no ano 2003 no Periódico O SIL. “Eu augúrolle un gran futuro ao noso sector, sempre e cando nos manteñamos unidos coa federación galega e nacional”, escribía.
Con motivo da súa xubilación, alá polo 2016 ,recibía unha homenaxe, xunto a outros tres compañeiros de profesión da provincia, por parte da citada Asociación de Empresarios de Perruquería e Salóns de Beleza de Ourense. Cando se xubilou, tomaba as rendas do seu centro de perruquería e estética, polo que tamén pasaron os seus fillos Alejandro e Roberto, a súa esposa Virginia Dafos, mantendo o seu espírito innovador.
Ata que a saúde llo permitíu, Delio Dobao seguiu acudindo a súa perruquería, pero a enfermidade foino alonxando da vida pública anos atrás. Hoxe, 30 de xuño, Delio Dobao falecía aos 75 anos de idade no Barco.
A súa capela ardente está instalada na Sala Castro do Tanatorio La Cruz de O Barco. O funeral está previsto para mañá 1 de xullo ás 19h. na igrexa parroquial Santa Marta de Córgomo (Vilamartín). Despois terá lugar o sepelio no cemiterio parroquial.



