ConcellosO BarcoÚltima hora

Falece o mestre Francisco Pérez Lemos “Paco”, ex director do CEIP Condesa de Fenosa

A capela ardente está ubicada no Tanatorio Santa Rita, Sala 2, no Barco, e o funeral será mañá na igrexa de Santa Rita

 

Na mañá deste luns 27 de decembro, O Barco de Valdeorras e moi especialmente a comunidade educativa espertaba cunha triste nova. De forma inesperada, de madrugada e con tan só 65 anos, falecía Francisco Pérez Lemos, máis coñecido como “Paco” docente de profesión e mestre por convicción, ex director do CEIP Condesa de Fenosa.

Era orixinario de Feás, un pobo do concello ourensán de Boborás, pero pasou boa parte da súa vida na comarca de Valdeorras, máis concretamente no Barco onde vivía coa súa muller, Rosa Varela, temén profesora e onde naceron os seus dous fillos, Ana e Pablo, sendo aquí, na Igrexa de Santa Rita, onde se celebrará o seu funeral mañá, martes 28 de decembro, ás 16 horas e onde hoxe choran a súa perda, femiliares, amigos e compañeiros.

Un dos seus destinos como profesor, nos anos 80, foi o CEIP de O Bolo onde formou parte non só da formación dos seus alumnos senón tamén das súas inquedanzas e mesmo diversión. Era unha persoa cun gran sentido do humor, como alumna súa que fun dou fe delo, e tamén dos que deixan pegada.

 

Francisco Pérez, nun acto no CEIP Condesa de Fenosa. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

O seu seguinte e último destino, hai máis de vinte anos, foi xa o CEIP Condesa de Fenosa, onde foi director durante catro lexislaturas e onde se xubilaba hai apenas un ano. “Era un home carismático, un amigo de verdade, dos que deixan pegada en nenos e adultos”, aseguran os seus compañeiros do Condesa e “se alguén nos ensinou a ser mestres, foi el, era o MESTRE e fixo deste colexio unha gran familia”, lembran dende o actual equipo directivo, conmocionados pola triste nova. “Sempre dicía que eramos unha familia e entre todos debiamos traballar pola formación dos nenos, implicando non só aos mestres senón a todos os que conforman o centro, dende o servizo de limpeza ata o da cociña, a conserxería,… todo o mundo se sentiu arroupado ao secu carón”, lembran.

Ao longo da súa traxectoria profesional foron centos os nenos que pasaron polas súas mans e en todos deixou a súa impronta. Tamén nos compañeiros e amigos que o coñeceron e traballaron con el. Era esixente e recto, tamén humilde, sinxelo, divertido e alegre. Ata sempre “Paco”.

A capela ardente está ubicada no Tanatorio Santa Rita, Sala 2, no Barco de Valdeorras.

Texto: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button