Pasadas as dúas da tarde do 17 de xaneiro tiña lugar un accidente de tráfico na zona de As Nogais (Lugo). Producíase unha colisión entre un turismo e un camión, como consecuencia da cal resultou morto o condutor do coche. O vehículo ía en sentido Madrid cando alcanzou pola parte traseira ao camión, no punto quilométrico 437 da A-6. O falecido era J.A.V.G., un barquense de 45 anos de idade. O condutor do camión, pola contra, resultaba ileso.
Segundo fontes da Garda Civil de Tráfico, a colisión producíuse polo lado dereito e o coche “quedou cravado” no trailer. O sinistro tiña lugar nunha vía de tres carrís e barállase que as causas do mesmo puideran ser un despiste ou unha distracción.
A persoa falecida tivo que ser excarcerada do turismo. Segundo o Centro de Atención ás Emerxencias do 112, activouse un operativo composto por Urxencias Médicas, os Bombeiros de Sarria, o GES de Becerreá e a Garda Civil de Tráfico.