OurenseÚltima hora

Falece un ciclista en Trasmiras ao caer da súa bicicleta

 

Un home perdía a vida esta tarde en Trasmiras ao caer da bicicleta coa que circulaba, tal e como informa o 112 Galicia. Os feitos sucederon na Rúa Virxe da Gracia, á altura do número 20, uns minutos antes das catro.

“O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso a través dos efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que malia mobilizar un helicóptero medicalizado, nada puideron facer por salvarlle a vida ao ciclista”, asegura o 112. Ata o lugar do accidente tamén se desprazaban oa axentes da Garda Civil.

Evacuada unha muller en Esgos dunha zona de difícil acceso

Por outra banda, tamén esta tarde, en Esgos, unha muller tivo que ser evacuada polos servizos de emerxencia despois de lesionarse mentres realizaba unha ruta de sendeirismo, no camiño de San Pedro de Rocas a Cernadas, nunha zona de difícil acceso.

“O 112 Galicia tivo coñecemento da situación da muller ao fío das dúas e media desta tarde a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, axiña, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención dos axentes da Garda Civil, dos Bombeiros de San Cibrao das Viñas e dos efectivos do GES do Pereiro de Aguiar”, indica o 112 Galicia.

Segundo os datos facilitados polos efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Pereiro de Aguiar, a muller foi trasladada nunha ambulancia a un centro médico, conclúe o 112 Galicia.

 

Artigos relacionados

Back to top button