Pasadas as dez desta mañá, unha persoa perdía a vida en Ribadavia tras unha colisión entre un turismo e un camión de mudanzas. O sinistro produciuse na OU-504, ao paso pola parroquia de Regodeigón, segundo informa o 112 Galicia, que, tras recibir o aviso, activaba os protocolos necesarios para a mobilización de recursos de salvamento como os Bombeiros do Carballiño e membros do GES de Ribadavia.
“Tamén foron informados os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mesmo trasladaron un equipo a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense. Sen embargo, nada puido facerse por recuperar á persoa”, segundo o 112 Galicia.
Deste xeito, os bombeiros procederon á súa liberación, pois estaba atrapada dentro do coche, pero xa estaba falecida. Ademais, neste operativo colaboraron os axentes da Policía Local de Ribadavia, así como a Garda Civil de Tráfico.