Miles de familiares de persoas con diversidade funcional e cidadáns xuntáronse nunha manifestación en Ourense, convocada pola plataforma PRO-CAPD de Ourense na que piden ás administracións que fagan o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade na capital. A comitiva saíu dende a delegación da Xunta na capital cara ás 20:00 horas e, tras percorrer a avenida da Habana, pasar por diante da subdelegación do Goberno, a rúa do Paseo e remataron la praza Maior, ante o Concello. Na comitiva estiveron presentes diferentes personalidades dos grupos da oposición ourensá (PSOE, Democracia Ourensana e Ourense En Común), así como a deputada pola provincia do grupo de En Marea, Ánxeles Cuña e o seu compañeiro deputado Davide Rodríguez.
Dende esta plataforma aseguran que, tras ter o compromiso da Consellería de Política Social de que ían ter o centro, tras ver o proxecto din “sentirse decepcionados”. Entre as reclamacións que fan dende esta plataforma está a inclusión de prazas de residencia a partir dos 21 anos. Unhas prazas que lles garantiu a Consellería pero que para eles resultan insuficientes.
Tras chegar á Praza Maior, a voceira da plataforma PRO-CAPD, Elena Rodríguez, leu un manifesto no que asegurou que era a obriga dos cargos públicos “saber as necesidades dunha persoa con diversidade funcional”. Nas súas verbas, a voceira reiterou que “esa é a súa obriga e o seu traballo, defender e solventar as carencias da nosa provincia”. Tamén no seu discurso salientou que as vítimas “non somos nós, son uns nenos totalmente indefensos, vulnerables, e que carecen do seu espazo en Ourense”. Elena Rodríguez lembrou que “levamos un ano loitando por ese centro, e teremos que loitar por cada ladrillo que se poña”. Por outra banda, quixo mostrar a súa gratitude “aos grupos parlamentarios que nos apoiaron cando lle pedimos axuda e á xente, que está a facer o traballo das administracións, ausentes hoxe aquí”, aclarou. Para concluír o discurso, Elena Rodríguez convidou aos pais a que se achegasen ao estrado improvisado das escaleiras do edificio consistorial. O acto rematou cun caloroso aplauso por parte de todos os alí presentes.