Adicado ao autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas e parente seu, está ‘O tío Florencio’ o espectáculo que a actriz e poeta Fátima Delgado presentaba o domingo 24 de xullo na praza da Fonte, en Arcos (Vilamartín de Valdeorras), dentro do programa ‘As noites de Florencio’.
Tomando como fío condutor a memoria familiar (de cartas, postais e anécdotas) Fátima Delgado ía construíndo o espectáculo que mestura a lectura con relatos como o da fuxida de España de Florencio Delgado Gurriarán, primeiro por Portugal, onde cruzaba a fronteira en Tourém disfrazado de topógrafo e non de cura como “a min sempre me contaron”; logo ata Francia e, finalmente, a bordo do Ipanema ata terras mexicanas.
Na súa intervención Fátima referíase tamén ao altar mexicano montado no escenario como ofrenda ao poeta, como un convite para que tamén se sumase a este acto, mentres ela ía compoñendo a súa persoa ante os asistentes.
Trátase do mesmo espectáculo que a comezos de xullo presentaba no Xardín da Casa Grande de Viloira (O Barco), no marco do ciclo De Perto.
Fotos cedidas.