En portadaÚltima hora

Fegamp e Xunta renovan o convenio para manter o funcionamento dos GES

O novo documento recolle, ademais do acordo en materia de financiamento, a delimitación de funcións destes grupos de intervención para que estean especializados en tarefas de prevención de emerxencias e de protección civil
Os represantes da Xunta e o presidente da Fegamp, asinando o acordo.

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Xunta de Galicia veñen de asinar nesta mañá de 26 de decembro o convenio de colaboración para seguir mantendo e mellorando o funcionamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), nun acto onde participaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Medio Rural, José González; e o presidente da Fegamp, o alcalde barquense Alfredo García.

Este convenio vén a substituír o anterior, que estaba vixente desde 2013, e recolle ademais do acordo en materia de financiamento, a delimitación de funcións destes grupos de intervención para que estean especializados en tarefas de prevención de emerxencias e de protección civil.

“Nesta ocasión, o acordo será de carácter trienal e suporá un investimento por parte do Goberno galego de 13,7 millóns de euros -cofinanciados polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader)- para o financiamento destes grupos de intervención, o que supón o 52,5% por cento do total do seu custo, tal e como se acordou no marco das reunión previas mantidas entre Xunta, Fegamp e deputacións provinciais co fin de acadar o máximo consenso á hora de renovar o convenio para o mantemento destes grupos de intervención, que prestan un servizo fundamental na atención ás emerxencias”, segundo se informa dende a Xunta de Galicia.

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Medio Rural, José González; e o presidente da Fegamp, Alfredo García, tras a sinatura do convenio.

Entre as funcións dos GES, pode destacarse a intervención en incendios forestais e urbanos no ámbito territorial da súa demarcación, en coordinación co distrito forestal ou co parque comarcal de bombeiros, en función do tipo de lume; prácticas preventivas nos terreos forestais, camiños e espazos públicos para previr incendios; actuacións de prevención de pragas, como a Vespa velutina; ou intervencións en situacións de risco e de emerxencia para manter a rede de estradas ou en situacións derivadas de riscos naturais. Os GES tamén poden manter colaboracións con protección civil ante calquera situación que implique riscos para persoas, bens ou o medio ambiente.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou que é este convenio un exemplo de colaboración, no que colaboran a Xunta, Fegamp e as Deputacións provinciais para garantir a seguridade dos galegos e para completar o mapa de reposta ás emerxencias.

 

Artigos relacionados

Back to top button