Cunha trintena de concellos, e coa previsión e que paulatinamente se vaian incorporando máis, arranca o novo portal de transparencia dos concellos galegos, que estará operativo en breve. Con esta plataforma búscase facilitarlle á cidadanía información detallada sobre o funcionamento dos consistorios galegos, desde as declaracións de bens dos alcaldes e concelleiros, ata información sobre as subvencións, seguimento das tramitacións en liña, etc.
O Portal de Transparencia dos concellos galegos presentábase na mañá do 5 de marzo en Santiago nun acto no que participaban o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde do Barco, Alfredo García, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda indicou que coa posta en marcha hoxe deste portal dase continuidade ao impulso e mellora da Transparencia nos concellos galegos, en aras de seguir avanzando para acadar unha maior transparencia nas Administración locais galegas.
Pola súa banda, Salustiano Mato aludía á importancia da colaboración entre a Universidade e a administración para favorecer unhas boas políticas públicas e, no caso de Alfredo García Rodríguez, insistía na necesidade de que a administración cumpra cos criterios de transparencia e, nesta liña, fixo fincapé en que se ben desde a administración local se está a facer un gran esforzo nestas temáticas seguen “necesitando axuda”.
Neste mesmo acto presentábase a Guía de transparencia local, unha ferramenta útil para facilitarlles aos concellos cumprir coas súas obrigas en transparencia e ofrecer aos seus veciños toda a información que precisan, saber qué información debe ser publicada, como debe ser publicada e a periodicidade con que deber ser publicada e, aos cidadáns, a coñecer as obrigas legais dos Concellos e os seus dereitos para estar axeitadamente informados en todo momento.