PolíticaÚltima hora

Feijóo asiste á xunta directiva do PP de Ourense

 

“Estamos de novo preparados para gañar e ofrecer un futuro certo e estable, como así vimos de demostrar cada vez que diriximos o goberno central, e como ninguén pode negar co goberno na Xunta de Galicia e na Deputación de Ourense”. O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, lanzaba esta mensaxe na reunión da xunta directiva deste partido na provincia, celebrada na tarde do 24 de outubro, e que contaba coa asistencia do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoó, ademais de coa presenza do secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado.

O presidente provincial puxo o énfase en recordar que, ata o momento, o PP de Ourense foi a única formación na provincia “que ten a capacidade e a forza necesaria para gobernar, e facémolo grazas a maiorías absolutas ou á nosa vontade de pacto”. Fronte á desmotivación dos cidadáns, subliñou Manuel Baltar, os populares ourensáns “fomos quen de ofrecer unha mensaxe de confianza que se traduciu nun aumento do apoio electoral nas municipais de maio con respecto das xerais de abril, nas que xa conseguíramos ser a provincia española con máis apoio”.

E advertiu ante os membros da xunta directiva que a situación política actual “nos obriga a non descartar ningún escenario, pero non por elo imos deixar de loitar como sempre o fixemos por maiorías que dean a estabilidade e a certeza que, hoxe máis que nunca, reclaman os cidadáns”.

Pola súa banda, o presidente do PP de Galicia e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lanzaba tres mensaxes principais. En primeiro lugar aseguraba comprender o “cansanzo e a desgana da xente” ante unhas novas eleccións xerais e propoñía “convertir iso en ganas para cambiar as cousas e facer unha lexislatura estable de catro anos e para que España volva outra vez á unha senda de estabilidade”.

Ademais Feijóo resaltaba que nos vindeiros comicios do 10 de novembro a clave en Ourense vai estar “nos votos sen escano de Ciudadanos e de Vox. Ese é obxectivo número un do PP na provincia:  o de volver a ganar con máis diferenza e unir eses votos para facer un PP de Ourense máis forte”. E, finalmente, insistía en que “Galicia ten unha oportunidade de cambiar imos intentar que as cousas cambien”.

 

Artigos relacionados

Back to top button