En portadaÚltima hora

Feijóo declara a situación de emerxencia sanitaria en Galicia

Entre outras medidas, a Xunta acordaba o peche de todos os bares, restaurantes e cafeterías da comunidade, só funcionarán con servizo a domicilio. Poderán abrir farmacias, gasolineiras, quioscos e tendas de alimentación

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior reunión extraordinaria do Consello da Xunta.

 

“As próximas semanas son clave, confío no compromiso de todos, moitas grazas pola súa responsabilidade”. O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, finalizaba deste xeito a súa intervención tras o Consello da Xunta extraordinario que se celebraba esta tarde de 13 de marzo.

Nel acordábase “a situación de emerxencia sanitaria en Galicia”, unha situación “extraordinaria que poderá implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos e das modificacións orzamentarias necesarias para afrontar a emerxencia”, dicía Feijóo.

Ademais con esta declaración activábase o plan territorial de emerxencia en Galicia, no que o presidente da Xunta asumirá a coordinación de todas as actividades de emerxencia. “Coa activación do plan actívanse todos os mecanismos e operativos recollidos nel. Así constituirase un Centro de Coordinación Operativo (CECOP), porase en marcha un enlace co centro de mando avanzado, mobilizarase de forma inmediata aos grupos operativos e levarase a cabo a comunicación á poboación das instrucións pertinentes”.

Entre as medidas de protección dirixidas á poboación, establécense “avisos á poboación afectada, confinamento en lugares seguros, evacuación e asistencia social, seguridade cidadá e control de accesos. Poderemos pois adoptar decisións en todos estes ámbitos”, indicaba o presidente galego. En canto o CECOP se reúna comezará a tomar as decisións que correspondan e serán comunicadas”.

Peche de bares, restaurantes e cafeterías, que si poderán servir a domicilio

Sen embargo, Feijóo xa avanzada que antes de que se produza a súa primeira xuntanza, “hoxe o Consello da Xunta adoptaba xa as primeiras medidas. No caso de bares, restaurantes e cafeterías permanecerán pechadas ao público, aínda que poderán seguir prestando servizos de envío a domicilio ou recollida no local. Nestes últimos casos, de recollida no local, coa distancia de seguridade establecida para evitar contaxios e a permanencia no establecemento debe ser a estritamente necesaria para recoller o pedido. Non quedan afectados por isto os servizos de restauración de establecementos hostaleiros, sempre que se destinen estritamente aos clientes dos mesmos e dos establecementos en instalacións destinadas á prestación de servizos públicos”.

Seguirán abertas as tendas de alimentación, farmacias, gasolineiras e quioscos

Ademais o presidente da Xunta matizaba que o peche “non afecta aos comercios minoristas de alimentación e produtos de primeira necesidade. En concreto, poderán abrir froiteirías, carnicerías, peixerías, panaderías, farmacias, gasolineiras, quioscos, estancos e tendas de alimentación, basicamente. No caso das grandes superficies, poderá permanecer aberta ao púbico a zona que albergue os establecementos de alimentación”.

 

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez, na reunión do Consello da Xunta.

 

Peche de cines, teatro, salas de xogo e mesmo os albergues do Camiño de Santiago

Ademais a Xunta acordaba proceder á clausura de cines e teatroa, establecementos de xogo, salas de concertos e auditorios, recintos feriais, establecementos de ocio e entretemento, salas de festa, distotecas, pubs, cafés-espectáculo, furanchos. “Ademais permanecerán pechados centros de ocio infantil, pavillóns e recintos deportivos, ximnasios e piscinas así como os albergues do Camiño de Santiago”, anunciaba o presidente.

Condicións para os funerais

Tamén se decidía establecer unha serie de condicións para a celebración de funerais. Para os cales fíxase un aforo máximo para os tanatorios de un terzo e un número máximo de 25 persoas para o acompañamento do cortexo fúnebre”. E isto faise, dicía Feijóo, co obxectivo de que “coa maior celeridade posible poidamos garantir que con carácter xeral os cidadáns permanezan nos seus fogares, coas excepcións lóxicas  coas emerxencias que poidan xurdir e tamén para garantir que queden cubertas as necesidades básicas de todos os cidadáns, tanto de alimentacións como de produtos sanitarios”.

Estado de alarma en España

Feijóo tamén anunciaba que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, púxose en contacto co delegado do Goberno en Galicia para solicitarle que durante esta noche “y, partir das 00h., que se active o estado de alarma no conxunto do país, por decisión do Consello de Ministros, se poñan as forzas e corpos de seguridade necesarias ao servizo das decisións que acabo de relatarles. Para velar por que non se produzan concentracións de xente na medida en que sexa posible. Por suposto o plan de emerxencia será revisado tras o consello de ministros de mañá e sometido as actualizacións no seu caso necesarias tras a activación do estado de alarma para o conxunto de España. A nosa postura será de absoluta lealdade e de máxima coordinación, temos que adoptar respostas conxuntas e de máximos en toda a nación española”.

Quedarse na casa

O presidente da Xunta incidía en que con estas medidas “queremos intentar conseguir, se é posible, que o virus avance con menor progresión en Galicia e porque nestas últimas horas constatamos que moitos cidadáns doutras comunidades trasladáronse a Galicia e quero dicirlles que debemos extremar as precaucións con toda intensidade”. Feijóo destacaba a importancia de quedarse na casa e dirxíase tamén aos máis xoves, “como toda a poboación son potenciais vectores da transmisión, a eles quero facer un chamamento especial, é o momomento de demostrar a vosa gratitude cara os vosos maiores e que eles se sintan orgullosos de vos”.

Tiña ademais palabras para os traballadores sanitarios, para agradecerlles a atención ás persoas infectadas polo coronavirus, “que loxicamente son o prioritario. Pero tamén quero agradecerlles os seus esforzos para estudar as posibilidades que hai para conter o virus e as posibles medidas que podemos adoptar para intentar sortear os obstáculos”.

Feijóo agradecía, finalmente, “a comprensión de todas as persoas que están vendo a súa vida diaria alterada. Na inmensa maioría a resposta está demostrando a gran madurez de todos e o que pido nesta nova fase, polo ben de todos, é que esta madurez persista, persista no cumprimento de todas as recomendacións coa intensidade e co tempo que sexa necesario. Debemos se extremadamente coidadosos co cumprimento dos nosos deberes como cidadáns”.

Máis información sobre as medidas:
AnuncioG0244-130320-1_gl(1)

Máis información sobre o virus:
coronavirus.sergas.gal

Artigos relacionados

Back to top button